A solución adoptada para a rexeneración do Manuel Rivero inclúe a construción dun albergue, a urbanización da contorna con amplas zonas verdes e a conexión da área coa rúa Maruja Gutiérrez e Pintor Laxeiro

O edificio do albergue albergará unha sala de usos múltiples e converterase nun elemento preferencial á hora de articular o entorno urbano
Publicado por o día 04/04/2019 na sección de Galicia,Lalín

A solución adoptada para a rexeneración do Manuel Rivero inclúe a construción dun albergue, a urbanización da contorna con amplas zonas verdes e a conexión da área coa rúa Maruja Gutiérrez e Pintor Laxeiro

A proposta gañadora para o acondicionamento da zona do antigo colexio Manuel Rivero, elaborada por Donsión Proyectos, permitirá -tal e como reflicte a memoria da solución adoptada- a reurbanización completa do entorno do vello centro partindo de tres necesidades proxectuais: a construción dun novo albergue de peregrinos con sala de usos múltiples, a urbanización integral da rúa Manuel Rivero e da parcela libre onde se ubicaba o centro e a conexión do espazo coa rúa Maruja Gutiérrez. Trátase dunha das actuacións máis importantes das incluídas dentro da estratexia DUSI Lalín Ssuma21, que se financia nun 80% co  fondos da Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do POCS-2014/2020. O Concello de Lalín leva moito tempo traballando nesta intervención cuxos avances na redacción do proxecto técnico son moi importantes e que, a través de diferentes actuacións, servirá para poñer en valor unha superficie de máis de 3.500 metros cadrados e avanzar nun novo modelo de vila, ao tempo que se recupera para o desfrute da veciñanza unha zona que levaba anos en estado de abandono e completamente deteriorada.

A idea proxectual desenvolvida polo estudo arquitectónico plantexa a resolución das esixencias entendendo que todas estas intervencións deben responderse de xeito unitario. É por iso que a planta baixa do albergue, a planta que relaciona o interior dunha edificación e o espazo público á que sirve, se converte nun elemento preferencial á hora de entender esta edificación como unha peza capaz de articular o entorno urbano.  Outro dos elementos singulares que se poñen sobre a mesa nesta primeira aproximación será a sala de usos múltiples, por ser o elemento que actúa como nexo directo entre o espazo máis público e o espazo máis ‘privado’. Este espazo central de uso polivalente québrase para absorber os trazados da proposta, móvese con respecto a vertical e xera un espazo a cuberto que, a modo de porche, actúa como un espazo de tránsito intermedio.

Urbanización

Na intervención sobre o lugar, como un dos elementos destacados, proponse un novo espazo á maneira de auditorio ao aire libre. Este permitirá, ademais, a conexión coa rúa Pintor Laxeiro mediante a construción de bancadas que axudan a salvar o forte desnivel existente sen muros e garantindo unha apertura á rúa completa. Por outra banda, a imposibilidade de resolver a conexión entre a rúa Manuel Rivero e Maruja Gutiérrez garantido a accesibilidade universal leva a proxectar unha nova escaleira, máis ampla elaborada en dous treitos e que permitirá eliminar a sensación de caída. Nesta proposta establécese a posibilidade de deixar prevista a preinstalación dun elevador de cara a garantir accesibilidade universal. O resto do espazo a urbanizar resolverase en formigón con distintas texturas e acabados, aínda que a maior parte da superficie estará ocupada por cuberta verde. O mobiliario proposto inclúe farois, papeleiras, bancos, bolardos, aparcadoiros de bicicletas e 16 prazas de estacionamento. A zona axardinada terá unha iluminación de perfil baixo con tiras de led continuas que permitirán marcar sendas tamén percibidas durante a noite.

Albergue e sala de usos múltiples

O albergue plantéxase en dúas partes diferenciadas tanto a nivel funcional como no seu acabado exterior; unha planta baixa de contacto co espazo público onde se situará a sala de usos múltiples, os aseos e a recepción e dúas plantas altas que dedicarán en exclusiva ás esixencias funcionais do albergue. A planta baixa resólvese con muros de formigón co obxetivo de dar continuidade ó pavimento e unir, deste xeito, a proposta coa urbanización. A planta alta rematarase cunha fachada ventilada con acabado en listóns de madeira de cedro colocados verticalmente co fin de alixeirar e dar calidez ao volume xerado. A trama continua na disposición deste acabado será modificada nos ocos de fachada permitindo romper a continuidade ao tempo que se fai entrever o interior. Na fachada sur os ocos da terraza e do vestíbulo estarán abertos. Deste xeito o salón colectivo ábrese á terraza Sur posibilitando extender o espazo estancial nos días soleados. A maiores das plantas descritas, proponse a construción dunha planta sótano co fin de absorber esixencias de almacenamento, tanto dos usuarios do albergue como das necesidades da sala de usos múltiples, e unha planta de azotea transitable e axardinada para o uso da xente hospedada no albergue. No interior o albergue estruturarase centralizado nos elementos de comunicación vertical de xeito que se eliminan corredores e pasillos. A distribución cara os dormitorios realizarase a través dun espazo diáfano que funciona como espazo de relación e estancia mediante a colocación de pufs e elementos de asento frente a cristaleira.

Na planta de acceso a posición destes muros de ascensor posibilita a multiplicidade de uso da sala de uso polivalente permitindo relacionar esta sala co albergue en torno a tres esixencias funcionais: satisfacer o uso compartido e integral por parte do albergue da sala de usos múltiples, permitir illar a sala de usos múltiples do albergue garantindo a independencia de acceso exterior e, por último, permitir separar a sala de usos múltiples xunto cos aseos do resto do albergue mantendo a independencia de acceso.

Os fondos FEDER asignados ao Concello de Lalín a través da estratexia Lalín Ssuma 21 propiciarán unha transformación da vila con proxectos como o presente, que ademais de á cidadanía, beneficiará a diversos sectores que provocarán unha sinerxia positiva en todos os demais. A rehabilitación do Manuel Rivero con  con albergue de peregrinos tamén fará de Lalín un centro neurálxico de atracción dos camiños de Santiago e unha referencia no eido do urbanismo social.

Comentar noticia

Your email address will not be published.