A Subdelegada do Goberno en Pontevedra anuncia na Guarda o inicio dos trámites para a solución dos destrozos no litoral do Río Miño

Publicado por o día 10/10/2018 na sección de A Guarda,Galicia

A Subdelegada do Goberno en Pontevedra anuncia na Guarda o inicio dos trámites para a solución dos destrozos no litoral do Río Miño

O luns día 8 de outubro a Subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, visitou a zona afectada por unha forte erosión nas praias da Lamiña e da Armona na desembocadura do Río Miño, para comprobar «in situ» como está a situación destes areais a anunciar a inclusión dunha partida orzamentaria para solventar este problema, sendo unha actuación prioritaria para a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar, segundo lle foi comunicado á Subdelegación do Goberno.

Unha comitiva encabezada por parte do equipo do Goberno municipal desprazouse ata o litoral do Río Miño en Camposancos, onde comprobaron o imparable avance da erosión que sofre este litoral dende os temporais do pasado inverno, cunha gran perdida de áridos que afecta e pon en risco ao ecosistema dunar existente na zona.

Maica Larriba, amosouse moi sorprendida polo impacto desta erosión sobre o areal fluvial e aproveitou a visita para anunciar o Proxecto de Estabilización da Marxe dereita do Río Miño na súa desembocadura, actualmente en fase de contratación e que suporá unha inversión de máis de 40.000€, cun prazo de redacción de 6 meses. Para acometer estes traballos, e en vista de que este espazo é un espazo protexido pola Rede Natura, será preciso contar con certa documentación de carácter ambiental necesaria para acometer estes traballos con total respecto ao medio ambiente e sen freos para o procedemento de avaliación ambiental que corresponda.

O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quixo agradecer a Maica Larriba a súa mediación para iniciar unha solución a esta problemática, posto que o deterioro do litoral non para, contando xa co informe realizado do CEDEX e coa alternativa que permitirá solventar a erosión do areal. Antonio Lomba destacou que esta é unha moi boa noticia para A Guarda, tendo a redacción do proxecto en licitación e o compromiso da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar para executar estas obras. Antonio Lomba resaltou tamén a necesidade de facer unha actuación previa de emerxencia para evitar que o deterioro vaia en aumento antes da realización dunha actuación definitiva que solvente esta problemática.