O anuncio da Tarxeta PassVigo do Concello de Vigo foi premiado na XXV edición dos Premios de Publicidade en Galego na categoría de televisión. O anuncio tiña como obxectivo promocionar a nova tarxeta do Concello de Vigo que permite xa, a preto de 160.000 viguesas e vigueses, acceder e viaxar de maneira cómoda, rápida e puntual nos “vitrasas”, ademais de realizar trámites en liña a través da páxina web do Concello de Vigo e de acceso a distintos servizos municipais.
O spot
Baixo o claim “a tarxeta das viguesas e vigueses” o spot de televisión explicaba de forma sinxela, partindo dunha escena interior dun “vitrasa” e cun primeiro plano dun viaxeiro como fío condutor dunha narración fresca visual e moderna, as distintas funcionalidades da nova tarxeta do Concello de Vigo (Poderás nadar, practicar o teu deporte, disfrutar de espectáculos, e dende hoxe viaxar con grandes descontos no autobús máis moderno e cómodo do pais. Sen sequera sacala da carteira…) posta en marcha coa empresa concesionaria do transporte público en Vigo, Vitrasa.
A peza audiovisual premiada foi realizada pola axencia de publicidade Ecovigo, con máis de 50 anos de experiencia profesional.
XXV Premios de Publicidade en Galego
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador son as entidades promotoras da XXV edición dos Premios de Publicidade en Galego que teñen por obxectivo promover o uso da lingua galega no ámbito publicitario en cumprimento do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico e do Plan xeral de normalización da lingua galega. A entrega do premio desta edición tivo lugar este luns na audiencia que ofreceu o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira.


Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.