A unanimidade do Pleno insta á Xunta a rematar as obras de humanización en Navia, iniciadas en 2017

Tamén quedou aprobada por unanimidade a moción socialista que reclama á Consellería de Cultura e Turismo que emita informe de afectación ao patrimonio do proxecto de reestruturación de muro na Baixada á Igrexa de Teis.
Publicado por o día 28/03/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

A unanimidade do Pleno insta á Xunta a rematar as obras de humanización en Navia, iniciadas en 2017

O Pleno Municipal aprobou por unanimidade a moción do grupo socialista que insta á Xunta de Galicia a finalizar, de maneira urxente, as obras de humanización en Navia, que comezaron no ano 2017, nas rúas Lamelas, Pedro Seixa, Limpizo e Poza de Cabalo para emendar as deficiencias detectadas. As rúas que, forman parte do Plan Parcial de Navia e ata o momento non foron recibidas polo Concello, xeran continuas queixas veciñais, tal e como recolle o texto, pola incidencia que o seu estado “lamentable” ten na seguridade, na iluminación e no tráfico rodado.

Ademais, a Corporación aprobou por unanimidade a moción municipal socialista instando á Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia a emitir, no prazo máximo de 15 días, informe de afectación ao patrimonio do proxecto de reestruturación do muro na Baixada á Igrexa de Teis que presenta problemas de estabilidade e caída de rochas. Tal e como expuxo a concelleira María Xosé Caride, o goberno local redactou un proxecto para reestruturar o muro solicitando autorización a Patrimonio da Xunta de Galicia, ao estar nun ámbito de protección patrimonial, pero o prazo de emisión de informe rematou sen resposta por parte da Consellería. Así, o Concello reitera a solicitude de informe para poder executar esta actuación.