A unidade de arritimias do CHUVI recibe a acreditación nacional de excelencia asistencial

O Complexo hospitalario vigués figura entre os dez primeiros hospitais españois que reciben esta acreditación da Sociedad Española de Cardiología, en recoñecemento ao cumprimento dos estándares de calidade
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A unidade de arritimias do CHUVI recibe a acreditación nacional de excelencia asistencial

O procedemento de “Seguimiento de Dispositivos de Estimulación Cardíaca” realizado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ven de recibir a acreditación nacional de Excelencia outorgada pola Sociedad Española de Cardioloxía (SEC), en recoñecemento ao cumprimento dos estándares de calidade.

Nun contexto onde resulta necesario desenvolver estándares e guías de actuación que garantan a calidade dos procesos sanitarios, a Sociedad Española de Cardiología (SEC) outorgou a acreditación SEC-EXCELENTE a decena de hospitais españois que cumpren os estándares de calidade para adherirse a este procedemento.

Segundo explica o responsable da Unidade de Arritmias, o doutor Enrique García “estes dispositivos cardíacos son tecnoloxicamente cada vez máis avanzados e están en continua evolución e innovación, polo que o seu seguimento é moi complexo. A acreditación recibida é un recoñecemento ao noso labor, ratifica a calidade asistencial das nosas prestacións e, sobre todo, supón un estímulo para seguir traballando co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos pacientes con enfermidades cardiovasculares”-.

Máis de 500 dispositivos cardíacos anuais

A Unidade de Arritmias do servizo de Cardioloxía do Álvaro Cunqueiro dispón de dúas salas de Electrofisioloxía, nas que se realizan técnicas e procedementos terapéuticos para o diagnóstico e tratamento das arritmias, como son as ablacións e os implantes de dispositivos cardíacos (marcapasos, desfibriladores e holters).

As arritmias cardíacas (alteración do ritmo cardíaco) son patoloxías moi prevalentes. A máis frecuente, a fibrilación auricular, afecta a entre un 3-4 % da poboación.

O CHUVI é referente do sur de Galicia para procedementos de ablacións cunha poboación de un millón de habitantes. O pasado ano, a Unidade de Arritmias realizou máis de 500
implantes de dispositivos cardíacos.

Técnicas innovadoras

A Unidade de Arritmias do Complexo vigués, composta por un equipo de catro electrofisiólogos e cinco profesionais da enfermaría e dúas TCAEs, caracterízase por estar sempre á vangarda das innovacións tecnolóxicas que se producen nos tratamentos cardiolóxicos.

Así, esta Unidade xa fora das primeiras de España e a primeira en Galicia na colocación de dispositivos sen cables no ventrículo dereito, e de desfibriladores bicamerais (aurícula e
ventrículo).

Proceso de acreditación

O procedemento do “Seguimiento de Dispositivos de Estimulación Cardíaca” enmárcase dentro do proxecto SEC-EXCELENTE, co obxectivo de contribuír á mellora continua da calidade asistencial tanto no ámbito dos servizos clínicos como na ordenación e xestión dos recursos.

Este proxecto forma parte dun programa máis amplo de calidade, que ten por finalidade reducir a morbimortalidade das enfermidades cardiovasculares, a través de protocolizar as actuacións nos principais procesos e procedementos cardiovasculares para reducir a variabilidade clínica; de mellorar a asistencia directa a pacientes con morte súbita; de proporcionar criterios para avanzar na xestión de activos tecnolóxicos de imaxe cardiovascular; e de progresar na continuidade asistencial entre a asistencia hospitalaria e a Atención Primaria.

O proceso de acreditación do procedemento consta de tres fases: revisión da documentación solicitada, auditoría e informe final coa conseguinte emisión do certificado de acreditación de excelencia.

Tras a revisión de toda a documentación aportada, elabórase un informe de auditoría, cunha descrición dos achados e opcións de mellora si se precisa, así como unha proposta de acreditación (ou rechazo) da acreditación, que se eleva ao Comité Científico de SECEXCELENTE, que realizará a valoración final.