A unidade de enfermidades autoinmunes do CHUVI está ao máis alto nivel nacional

Vén de recibir de novo a máxima acreditación clínica que se outorga no país, que xa dispoñía desde o ano 2013
Publicado por o día 12/12/2018 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

A unidade de enfermidades autoinmunes do CHUVI está ao máis alto nivel nacional

A Unidade de Enfermidades Autoinmunes Sistémicas (EAS) do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo mantense ao máis alto nivel de recoñecemento nacional. Vén de recibir, de novo, a máxima acreditación clínica que se outorga no país dentro da súa especialidade. Unha certificación que xa dispoñía desde o ano 2013 e que agora revalida.

Trátase da acreditación que concede o GEAS (Grupo de Enfermidades Autoinmunes Sistémicas) que depende da Sociedade Española de Medicina Interna. “É a certificación que se denomina 3b, a máis alta das que se conceden a nivel nacional, e que supón que se presta unha asistencia de calidade ademais de actividade docente específica e investigadora. Xa dispoñiamos dela, pero agora tiñamos que renovala, facer de novo a avaliación para comprobar que seguimos en parámetros de excelencia, e conseguímolo”, explica o responsable da Unidade, o doutor Alberto Rivera.

Nestes momentos, só hai 9 Unidades en España que dispoñen dese tipo de acreditación. “Este dato é importante; é destacable que o CHUVI conte con este dispositivo asistencial, que está entre os máis recoñecidos de España”, subliña o doutor Rivera.

Sete especialistas

A Unidade depende do Servizo de Medicina Interna do complexo hospitalario vigués e está integrada por 7 especialistas, ademais do persoal de enfermaría. Nela diagnostícanse e trátanse as Enfermidades Autoinmunes Sistémicas, que son aquelas ocasionadas polo ataque do sistema inmunolóxico propio e que afectan a múltiples órganos ou sistemas vitais.

Mantén sete consultas específicas á semana e anualmente realiza máis de 600 primeiras consultas a pacientes. Unha actividade que se complementa coas 2.300 revisións ao ano a enfermos diagnosticados con anterioridade.

Ao tratarse dun grupo de enfermidades que afectan a múltiples órganos ou sistemas, e co obxectivo de proporcionar unha atención integral ao paciente, estes profesionais traballan de forma coordinada con outros servizos do CHUVI: Hematoloxía, Laboratorio de Inmunoloxía, Obstetricia e Xinecoloxía, Cirurxía Vascular, UCI Pediátrica, Nefroloxía, Pneumoloxía e Oftalmoloxía.

Paralelamente ás consultas presenciais, a Unidade mantén abertos outros dispositivos asistenciais para facilitar unha maior integración con Atención Primaria, a consulta telefónica, e-consulta e consultas urxentes fóra de cita.

Tamén se realizan controis ambulatorios de pacientes complexos que reciben tratamento no Hospital de Día, así como consultas diagnósticas e terapias sen ingreso, en estreita coordinación co servizo de HADO.

Docencia e Investigación

No ámbito da docencia, ademais das rotacións de estudantes, a Unidade oferta formación de médicos residentes, moitos de fóra de Galicia.

“O interese de médicos residentes por formarse connosco dá unha idea do prestixio que a Unidade ten a nivel de toda España”, afirma o doutor Alberto Rivera. Do mesmo xeito, os integrantes da Unidade teñen presenza na maioría dos congresos nacionais e Internacionais, aos que acoden para presentar as novidades en canto a investigación e tratamentos.

O Dr. Rivera destaca, ademais, o importante número de publicacións en revistas científicas internacionais sobre os avances en investigación que se obteñen no CHUVI grazas ao traballo desta unidade.