A unidade de esclerose múltiple do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo atende a máis de 600 pacientes

A Unidade específica do servizo de Neuroloxía para esta patoloxía leva diagnosticados só no primeiro trimestre do ano dez casos novos
Por o 04/04/2019 | Sección: Galicia,Sanidad,Vigo
A unidade de esclerose múltiple do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo atende a máis de 600 pacientes

A Unidade de Esclerose Múltiple do CHUVI mantén en seguimento activo; isto é, con consultas periódicas para comprobar a evolución da enfermidade, a 620 pacientes.

A prevaleza da Esclerose Múltiple está a medrar sen que se detectase ata agora un motivo concreto para este incremento. Só na área sanitaria de Vigo diagnosticáronse 10 novos casos no que vai de ano, unha cifra considerada “alta” polos profesionais sanitarios que atenden a estes pacientes.

O Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) conta cunha unidade específica para o tratamento dos pacientes afectados por esta patoloxía que depende do servizo de Neuroloxía. Está integrada por tres facultativas especialistas e por un enfermeiro.

A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade dexenerativa do Sistema Nervioso Central que afecta ao cerebro e á medula espinal. É de causa descoñecida e non ten cura. Os tratamentos diríxense a mellorar o estado do paciente e a controlar a enfermidade.

Normalmente presenta síntomas nas persoas novas, sobre todo na franxa de idade comprendida entre os 30 e os 40 anos, e é unha das principais causas de incapacidade na poboación en esas idades. “A incidencia desta patoloxía é maior entre as mulleres. De feito por cada home que a padece hai tres ou catro mulleres enfermas”, explica a doutora Marta Aguado, da Unidade de Esclerose Múltiple do CHUVI.

Síntomas

Os síntomas desta enfermidade son moi variables e dependen de cada persoa. Ata o extremo de que se fala de “a enfermidade das mil caras” para referirse á Esclerose Múltiple.

Dor, fatiga, diminución da percepción sensorial ou inestabilidade son algúns dos síntomas máis comúns.

Pese a non ter cura, a doutora Aguado considera que “cada vez hai máis medicamentos que se empregan no tratamento dos pacientes con EM e que controlan mellor o curso da enfermidade”.

Xornada aberta

Por ese motivo a Unidade de Esclerose Múltiple do CHUVI organizou onte unha xornada aberta orientada a divulgar a situación actual e os avances no manexo terapéutico da enfermidade. Unhas sesións que se encadran dentro da campaña “ME interesa”, que se desenvolve a nivel nacional. Na mesma interviron os catro integrantes da Unidade.

Foi onte no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro e á mesma asistiron tanto pacientes como asociacións, estudantes e profesionais dos ámbitos da neuroloxía, fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía e traballo social.
A doutora Marta Augado foi a encargada de abrir a xornada cunha revisión histórica da evolución da enfermidade.

Posteriormente a doutora Elena Álvarez falou sobre a Esclerose Múltiple e a muller, tanto desde o punto de vista da incidencia no embarazo como na fertilidade. A doutora Inés González, tamén membro da Unidade, abordou as “necesidades non cubertas” nos pacientes con EM desde a perspectiva clínica pero tamén da social polas limitacións que xera para o paciente no mundo laboral e para os seus familiares no día a día.

A xornada, na que colaborou a asociación de pacientes AVEMPO, rematou coa disertación do enfermeiro da Unidade, César Sánchez, sobre a adherencia ao tratamento dos pacientes.

Comentar noticia

Your email address will not be published.