A Universidade acada 7 millóns de euros na convocatoria de axudas para infraestruturas de I+D para a creación e mellora de 19 laboratorios

Elaborarase un catálogo que recolla a oferta de instalacións e equipamentos da institución
Publicado por o día 26/12/2018 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade acada 7 millóns de euros na convocatoria de axudas para infraestruturas de I+D para a creación e mellora de 19 laboratorios

A última convocatoria de axudas para infraestruturas científicas e tecnolóxicas do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades foi todo un éxito para os obxectivos da Universidade de Vigo. De feito, a institución olívica convértese, coa captación de 7 millóns de euros, na universidade galega con mellores resultados neste convocatoria.

Vigo obtivo financiamento para 19 infraestruturas, tanto para a creación como para a mellora dos existentes, por valor de 7.154.529 euros. O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades financia un 80% dos equipamentos, por un total de 5.723.623,00 e, como explica a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, “o 20% restante, 1.430.906 euros, estamos nestes momentos negociando coa Xunta de Galicia, coa esperanza de que os financie”.

A resolución definitiva publicouse o 7 de decembro e segundo a vicerreitora de Investigación, o importe acadado é de especial relevancia, sobre todo tendo en conta que dende 2015 non se abría esta convocatoria. “Tivemos moito tempo para mellorar as nosas propostas e iso foi clave para poder obter un resultado tan bo”, xa que na anterior edición se obtiveron tan só catro axudas por un importe de arredor dun millón de euros.

Mellora e creación de instalacións

En total, o ministerio aceptou 19 propostas de axuda da Universidade de Vigo e denegou outras 15. Entre as aceptadas hai tanto novas infraestruturas que se porán en marcha como equipamentos e melloras para laboratorios xa existentes. Por exemplo, unha plataforma láser multifrecuencia en sala branca para bioenxeñaría; un citómetro de fluxo analizador multiparamétrico de alta resolución; un laboratorio integrado para estudo fisiopatolóxico de modelos animais en condicións de biocontención; un LiDAR terrestre e sensores para aeronave non tripulada; un analizador de dispersión de luz dinámica(DLS)-Potencial Zeta de tamaño de partícula, potencial zeta, peso molecular e medicións de mobilidade de proteínas e Microrreoloxía; a creación do Laboratorio en tecnoloxías 5G do Centro de investigación atlanTTic; a posta en funcionamento dunha infraestrutura de simulación e medida para fotónica; a renovación do espectrómetro de resonancia magnética nuclear (RMN) de 400 MHz; a renovación do equipo de FT_ICR_MS; a implementación dunha planta piloto de industrias agroalimentarias; un laboratorio de valorización de residuos; outro de Linguaxe e Cognición; o novo Laboratorio de Investigación no Clúster de Investigación e Transferencia Agroalimentaria do Campus da Auga (Citaca); adquisición de equipamento de tomografía computerizada de raios X de gran formato e de alta resolución; adquisición dun canón iónico Gas clúster ion source para espectrómetro TOF-SIMS; a actualización de equipos no Taller de Mecanizado (Fresadora); un Laboratorio de Análise de Hg e especies organomercuriais en matrices ambientais e alimentarias; a infraestrutura de cómputo de alto rendemento (HPC) para apoio aos grupos de investigación do MTI e a actualización e mellora dos sistemas de Microscopía Electrónica de alta Resolución do Servizo de Microscopía Electrónica do Cacti.

A proposta que obtivo unha axuda maior é o equipamento de termografía computerizada de raio X de gran formato e de alta resolución, cun custe total de 723.470 euros, que acadou unha axuda de 578.776 euros. A segunda maior contía é para a creación dun laboratorio de tecnoloxías 5G do centro de investigación atlanTTic, para o que o Ministerio concede 557.978 euros, do total de 843.852 que se estima de custe. Por riba do medio millón de euros están tamén a renovación do equipo de FT_ICR_MS, que acadou 553.881 euros e o laboratorio do Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias (CIA3) do Campus da Auga, que obtivo 520.00 euros.

Catálogo de infraestruturas

Estas novas infraestruturas sumaranse ás xa existentes nun catálogo no que a Universidae recolle a oferta de instalacións e equipamentos de I+D. Segundo Rubio “serve, por unha banda, para facer un mellor uso por parte dos investigadores das distintas infraestruturas e, pola outra, para detectar onde enfocar as necesidades futuras para vindeiras convocatorias”. O obxectivo é que esta base de datos axude a facer peticións máis axeitadas e que todo o persoal investigador da Universidade de Vigo saiba cales son as infraestruturas comúns da institución e que poden usalas. A vicerreitora engade que o catálogo incluirase no LIMS, a plataforma na que se fan as peticións de servizos ou equipamentos no CACTI, porque o LIMS vaise estender a todos os demais centros de investigación e servizos a partir do ano próximo. Isto permitirá tamén ter un control do uso dos mesmos e valorar o tempo que empregan os técnicos en cada servizo o que tamén e moi válido cara á nova RPT de PAS”, conclúe.