A Universidade achega o seu coñecemento aos institutos

Os IES poden elixir entre un abano de 55 relatorios, que se adaptan ás temáticas de secundaria

A crise sanitaria non está a permitir que o alumnado de colexios e institutos poida achegarse aos campus a través das xornadas de portas abertas, as actividades divulgativas ou visitas guiadas. Para tratar de manter esta ponte entre a Universidade e o alumnado pre-universitario, a Vicerreitoría  de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria deseñou un programa de charlas científico-divulgativas co obxectivo de levar o coñecemento que se xera nas escolas e facultades da UVigo a institutos de toda Galicia. Trátase, como explica a vicerreitora Natalia Caparrini, de ofrecer ao estudantado de 4º de ESO, Bacharelato e Formación Profesional a posibilidade de que “o noso profesorado especializado imparta charlas divulgativas sobre temas da súa investigación que sexan atractivos para o alumnado de secundaria”. En total o catálogo comprende 55 opcións de relatorios de divulgación científica, coas que se busca achegar ao alumnado preuniversitario un amplo abano de temas científico-tecnolóxicos, de humanidades, arte ou de ciencias xurídicas e sociais e da saúde, de modo que o alumnado pode participar no desenvolvemento dunha clase universitaria cun contido docente adaptado ao seu nivel educativo.

A vicerreitora destaca que esta idea comezou a madurarse no curso pasado, “a idea orixinal eran charlas presenciais, non obstante, dado que a actividade se pode adaptar moi facilmente á modalidade virtual, aceleramos o proxecto para poder ofrecelas xa este curso”. Así, dependendo da situación sanitaria de cada momento, será o persoal investigador o que ofreza as charlas presenciais nos institutos ou ben estas serán en modalidade virtual.

Caparrini valora moi positivamente a resposta do profesorado da UVigo e destaca tamén que a iniciativa “está a ter moita aceptación nos institutos, xa que son charlas impartidas por profesorado universitario pero os contidos coinciden con temario que están traballando nos IES”.

As charlas xa se poden solicitar e desenvolveranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio

Os centros interesados deben consultar o catálogo de charlas, dunha hora de duración, e unha vez elixidas as temáticas preferentes poderán encher o formulario para iniciar a xestión e a organización do faladoiro seleccionado. Unha vez a Universidade reciba o formulario poñerase en contacto co centro para concretar a data na que será realizada a actividade. Os centros educativos poderán solicitar as charlas durante todo o ano, e estas celebraranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de maio de cada curso académico. Para atender ao maior número de centros, cada un poderá gozar dun máximo de dúas sesións divulgativas. Ata o momento, explica a vicerreitora, “xa temos bastantes solicitudes, case todas en modalidade virtual, pero algunhas tamén en presencial”.

55 opcións de todos os eidos do saber

catálogo de relatorios comprende un total de 55 opcións divididas en nove bloques temáticos. No que se refire ás ciencias da natureza, os institutos poden solicitar relatorios como Xenética: mutación e diversidade; Deseño sen deseñador en caracois mariños; Que é iso da crise de polinización?; O tictac da vida ou como funciona o teu reloxo biolóxico; As lampreas: aventuras e desventuras dunha viaxe de ida e volta; Contaminación; Cambio global; Paleontoloxía en e dende Galicia; Hai cambio climático na miña localidade? Historia do clima na Terra; A ciencia no sector agroalimentario; Restauración de espazos afectados por explotacións mineiras; O escándalo das emisións en motores diésel (dieselgate); Explotación de recursos minerais en Galicia/España ou O biomaterial do futuro e o uso de indicadores nos ríos.

No eido da física e química, o catálogo inclúe Física re-recreativa; Química, zurda ou destra?; Un día coa química e Nanociencia e nanotecnoloxía. Tamén existe unha ampla oferta de temáticas relacionadas coa tecnoloxía, como: Que se fai na informática industrial?; Intelixencia artificial de peto; Materiais intelixentes e outras aplicación; Aplicacións da termografía infravermella; Minaría espacial: Un reto ou unha realidade; Seguridade en dispositivos móbiles; Internet das cousas (IoT); A telefonía móbil e o seu camiño cara ao 5G; Tecnoloxía láser aplicada á conservación do patrimonio construído; Incendios forestais de sexta xeración e as ferramentas tecnolóxicas para previlos e obtención de biodiésel a partir de algas.

No ámbito da economía, os institutos teñen á súa disposición as charlas Que estudan os/as economistas?; o PIB: a magnitude estrela dos/as macroeconomistas; economía circular e novos modelos de negocio; economía circular: alén da reciclaxe; economía para todos e todas e economía de mercado e controller: o/a ex-malo da película.

Nas ciencias sociais poden elixir entre Patrimonio cultural e turismo; Da mente á pantalla ou como facer un videoxogo; como axudar a mellorar a sustentabilidade global hackeando a sociedade?; comunicación e dereitos humanos; e-innovación. A innovación na era dixital e márketing 4.0: a mercadotecnia na era dixital.
No eido da lingüística e a literatura pódese elixir entre contidos moi diversos como Linguas e xestos: desafío nos estudos da linguaxe e a comunicación; a comunicación xestual e as linguas de signos; o estudo das linguas e literaturas no mundo contemporáneo; a dama do pé de cabra: unha lenda popular desde a Idade Media ata os nosos días; do literario ao visual: as linguas estranxeiras para analizar a arte; xogando a inventar palabras: os neoloxismos na lingua galega e cinco claves para unha comunicación eficaz.

A oferta complétase con relatorios sobre o proceso penal de menores e proceso ante o tribunal do xurado; a zoonoses no medio rural e urbano de Galicia; a muller na antigüidade grega e conservación da arte urbana.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM