A Universidade amósase, comarca a comarca, ao seu potencial alumnado

A acción, que continuará en Ponteareas, insírese no Plan Xeral de Captación
Publicado por o día 30/01/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade amósase, comarca a comarca, ao seu potencial alumnado

170 alumnas e alumnos de ESO, Bacharelato e FP de cinco dos seis centros de educación da comarca de Verín e tamén doutro de Xinzo de Limia, foron hoxe os primeiros en participar nas Xornadas Comarcais de Orientación Universitaria, unha iniciativa coa que a Universidade de Vigo busca achegarse ao seu potencial alumnado. As xornadas, que hoxe se puxeron en marcha e continuarán o vindeiro 6 de febreiro en Ponteareas con 250 estudantes de centros da comarca do Paradanta, insírense no Plan Xeral de Captación que está a deseñar a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e que daría acubillo a unhas 40 accións dirixidas a diferentes públicos, co obxectivo de incorporar novo alumnado ás aulas da institución académica viguesa.

“As Xornadas Comarcais de Orientación Universitaria xorden para dar resposta de xeito organizado ás solicitudes que nos chegan de moitos centros para que vaiamos falar das titulacións que se imparten da nosa universidade, dos nosos servizos, das probas da ABAU…Algo que se estaba facer, pero a partir de agora a idea é ir todos en bloque ás comarcas, facilitando, que sobre todo os centros que están máis lonxe, poidan ter información de primeira man”, explica Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, que foi a encargada, xunto á concelleira de Educación, Cultura e Festexos do concello de Verín, Emilia Somoza, de inaugurar esta mañá a xornada que se desenvolveu no auditorio municipal de Verín. Xunto a Caparrini, a xefa de sección do SIE, Magdalena Domínguez, encargouse de explicar ao alumnado as claves da ABAU, mentres que a directora da Área de Captación de Alumnado, Susana Rodríguez, achegoulles ás e aos asistentes a oferta académica e de servizos da Universidade. Pola súa banda os docentes e investigadores Pedro Pablo Gallego, Ignacio Armesto, José Montero e Carmen Ruíz, ofreceron cadansúa charla sobre os ámbitos das Ciencias; Enxeñaría e Arquitectura; Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, respectivamente. Así mesmo, ao longo da xornada, que se desenvolveu entre as 10 e as 13.30 horas, membros das delegacións de estudantes de diferentes titulacións que se imparten na Universidade de Vigo puideron asesorar nun espazo especialmente habilitado para eles ao alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e FP que participou na xornada.

Unha Universidade tan boa ou mellor que outras

Caparrini, que destaca a “boísima” acollida que esta iniciativa tivo en Verín e no Paradanta, sinala que a intención da vicerreitoría é chegar as 22 comarcas das provincias de Pontevedra e Ourense, para logo estendela a Coruña e Lugo, para así abranguer toda Galicia. “Trátase de transmitir ao alumnado que a Universidade de Vigo é unha opción tan boa ou mellor que outras. A idea que se ten das boas universidades é que son as tradicionais, as que levan máis tempo, e hai que ver outras cousas, como que estamos ben posicionados nos ránkings, que somos unha universidade moderna, innovadora, creativa e con moita oferta en todos os ámbitos”, explica a vicerreitora, que agradece a implicación de todos os membros da comunidade universitaria que están a tomar parte na organización e desenvolvemento destas xornadas comarcais de orientación universitaria.

Aínda que a vicerreitora recoñece a dificultade que implica poder dispoñer e coordinar a todas as persoas da Universidade que participan nesta acción, apunta que a súa idea sería poder chegar a desenvolver cada mes dúas xornadas.

Un plan de captación perfectamente programado

As Xornadas Comarcais de Orientación que hoxe comezaron insírense nun Plan Xeral de Captación que está a desenvolver a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e que unha vez rematado será levado a Claustro para o seu debate e posteriormente a Consello de Goberno para a súa aprobación. “Estábanse a facer cousas pero dun xeito disperso e o que queremos é ter un plan perfectamente deseñado dun ano para outro con actividades e datas. Serían 40 accións para ir implantando, dirixidas a públicos obxectivos, desde o alumnado dos institutos, ao alumnado estranxeiro, así como familias e mesmo destinadas a promocionar a presenza feminina nas enxeñarías ou os programas de doutoramento”, explica Caparrini.

Con este plan a vicerreitora asegura que se pretende manter a actividade de  captación de alumnado durante todo o ano e non centrarse nas campañas previas á celebración da ABAU.

Comentar noticia

Your email address will not be published.