A Universidade arranca o curso con máis de 400 estudantes estranxeiros nas súas aulas

Alemaña, Italia e Francia son os principais países de orixe
Publicado por o día 21/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade arranca o curso con máis de 400 estudantes estranxeiros nas súas aulas

Alemaña, Italia e Francia seguen a ser os países de procedencia maioritarios do alumando estranxeiro que recibe a Universidade de Vigo neste curso 2019-2020. Como cada ano, centos de alumnos e alumnas de diferentes puntos do mundo elixen Vigo, Ourense ou Pontevedra para completar a súa formación nun país alleo. Nesta ocasión, a UVigo dálle a benvida a 439 estudantes de intercambio, a maioría deles (325) no marco do programa Erasmus+.

Este curso, o tradicional acto de recepción que se adoitaba realizar coincidindo co inicio das clases pasou a formar parte da programación das Xornadas de Benvida que se celebraron a primeira semana de setembro para todo o novo estudantado da institución. No marco de este evento, ademais de poder coñecer aos que serán as e os seus novos compañeiros, tamén recibiron información sobre todos os servizos que lles ofrece a Universidade de Vigo, tanto no eido deportivo, como cultural ou estritamente académico.

En total, dos 439 estudantes, 86 quedarán o curso completo, mentres que 326 cursarán en Galicia tan só o primeiro cuadrimestre. De momento, para o segundo xa confirmaron a súa estadía un trintena, aínda que non será ata xaneiro cando se coñeza a cifra total, que o curso pasado foi de 713 mozos e mozas, o que supuxo un récord histórico no que se refire á recepción de alumnado estranxeiro na institución viguesa.
Por campus, o máis demandado polo alumnado estranxeiro é Vigo, onde cursarán os seus estudos 338 alumnos e alumnas, mentres que Pontevedra foi a cidade escollida por 59 estudantes e Ourense ten confirmados 42. Cifras todas elas provisionais a falta da matrícula nos programas de intercambio para o segundo cuadrimestre.

Atendendo á procedencia, a nacionalidade maioritaria é a italiana, con 77 mozos e mozas, seguida da alemá, país de onde proceden 74 e Francia, con 49 estudantes. Tras eles tres estados, que adoitan ser ano tras anos os principais lugares de procedencia do alumnado estranxeiro, están Polonia e Brasil, con máis de 20 estudantes cada un.

338 no campus de Vigo

338 estudantes internacionais elixiron Vigo para completar os seus estudos, 66 deles quedarán todo curso, 253 están en Galicia só no primeiro cuadrimestre e xa hai 19 confirmados para o segundo. O centro máis multicultural segue a ser a Facultade de Filoloxía e Tradución, que recibe a 118 estudantes, seguida de Ciencias Económicas e Empresariais con 77 e a Escola de Enxeñería Industrial, elixida por 53 alumnos e alumnas foráneos. Tamén teñen un número destacado de alumnos e alumnas internacionais a Escola Universitaria de Estudos Empresariais e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Sobre a procedencia, son maioría en Vigo as e os alemáns (67) e as e os italianos (53) e as e os franceses (37).

59 estudantes internacionais escollen Pontevedra

No campus de Pontevedra dez estudantes internacionais completarán todo o curso, mentres outros 47 estarán na cidade do Lérez no primeiro cuadrimestre e outros dous xa confirmaron a súa estadía para o segundo. Ciencias Sociais e da Comunicación é o centro que máis alumnos foráneos acolle, 24, seguido de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e de Belas Artes, con 15 en cada facultade. En Pontevedra destaca a alta presenza de estudantes latinoamericanos, 25 dun total de 59, principalmente procedentes de Brasil e México.

Ourense recibe 42 alumnas e alumnos estranxeiros

En Ourense son 42 os estudantes doutros países que completarán os seus estudos neste curso. Dez quedaranse todo o curso, 26 no primeiro cuadrimestre e seis xa solicitaron unha praza para o segundo. Ciencias Empresariais e Turismo é o principal centro de acollida, con 22 estudantes, seguido da Facultade de Ciencias, con oito. Atendendo á súa procedencia, Francia é principal país de procedencia (10) seguido de Alemaña, Italia ou Turquía (cinco).

Distribución por programas

Como vén sendo habitual, son os estudantes do programa de intercambio europeo Erasmus+ os maioritarios entre o alumnado de intercambio, en concreto 325, aínda que hai cada vez máis mozos e mozas que chegan á Universidade de Vigo froito dun convenio bilateral con certas universidades, neste curso un total de 83. Outras opcións son o programa ISEP, Erasmus+ Prácticas ou os programas de visitante estranxeiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.