A Universidade arranca un novo curso co Grao en Enxeñaría Biomédica como principal novidade

A taxa de ocupación rolda xa o 86%
Por o 11/09/2018 | Sección: Educación,Universidade de Vigo
A Universidade arranca un novo curso co Grao en Enxeñaría Biomédica como principal novidade
Compartir en:

Este luns xa era evidente que o rebulir diario regresaba aos campus. Se ben a semana pasada xa se celebraron actos de benvida e sesións informativas na maioría dos centros, hoxe arrancaba oficialmente o curso académico 2018/2019 na Universidade de Vigo, coa estrea do Grao de Enxeñaría Biomédica como principal novidade da oferta académica. En total, a institución académica oferta este ano 62 graos, 33 deles coa matrícula xa pechada, así como 63 mestrados e 38 programas de doutoramento.

A falta de que se convoquen tres novos prazos de matrícula, como explica o reitor da institución académica, o índice de ocupación xeral “está arredor do 86 ou 87%”. Manuel Reigosa destaca que o curso comeza “con moi boas expectativas, tivemos bastante éxito na captación de alumnado”, salientando a boa acollida de Enxeñaría Biomédica, que ten as 50 prazas xa ocupadas. De cara a este novo curso académico tamén remarca que se continuará  coa implantación de Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense, grao que tamén cubriu a súa oferta. “Continuando pola senda da calidade da docencia”, resume Reigosa, “seguimos fortalecendo a oferta que a Universidade de Vigo lle fai á sociedade, mellorando a formación dos nosos egresados”.

Ademais do Grao en Enxeñaría Biomédica, este curso arrancan sete novos mestrados: Biodiversidade Terrestre e Xestión do Medio Natural; Xenómica e Xenética; Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados; Ciberseguridade; Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais; Economía e Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria. As novidades complétanse con modificacións en dous títulos de doutoramento que xa se estaban a impartir, coa inclusión da Universidade de Porto no Máster en Ciencias Mariñas, Tecnoloxías e Xestión e da Universidade da Coruña ao de Protección do Patrimonio Cultural.

Exitoso estreo de Enxeñaría Biomédica

Enxeñaría Biomédica é a gran novidade no mapa de titulacións da Universidade de Vigo neste curso e estréase coas 50 prazas que ofertaba xa cubertas. O grao comprende dúas intensificacións: Biotech (electrónica, tratamento da información hospitalaria, control de sinais en biomedicina) e Biomec (implantoloxía, biomecánica, biomateriais e equipamento) e o alumnado cursará cinco materias no Hospital Álvaro Cunqueiro. Juan E. Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial, explica que “a acollida da nova titulación está resultando moi positiva, xerando unha enorme expectación, pero o máis salientable é a ilusión e implicación de todos os axentes para que o desenvolvemento da mesma acade o nivel de excelencia que todos esperamos. É unha oportunidade que temos que aproveitar para lanzar e modernizar a nosa Universidade con aquelas titulacións acordes os tempos nos que estamos, dando resposta ás demandas da nosa comunidade”.

Tras uns primeiros días con xornadas de acollida, o director percibe “un ambiente moi cálido” e explica que o perfil responde a estudantado cun moi bo expediente e base tecnolóxica e procedente das catro provincias galegas, principalmente”, sendo o número de alumnas lixeiramente superior ao de alumnos. Agora, coa actividade académica xa comezada, o obxectivo é “dar resposta ás expectativas postas no grao, que se ilusionen e que poidan acadar con éxito os seus soños”. Pero, segundo o director, “tamén temos que ser cautos, o primeiro curso é un cambio importante para todos, temos que conseguir que a súa integración e a súa adaptación sexa boa para que se sintan arroupados desde o primeiro momento”. En definitiva, “o obxectivo sería que o 100% do alumnado sentira ao rematar o primeiro curso que está satisfeito, que volvería a escoller esta titulación na nosa Universidade”.

Dous graos co 80% da docencia en inglés

Outra das novidades deste novo curso é a posibilidade de matricularse na modalidade en inglés dos graos en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación e Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais. En ambos casos aínda quedan prazas vacantes, polo que tanto o director da EE de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, como de EE Industrial, Juan E. Pardo, recoñecen que as cifras de matrícula non responden completamente “ás expectativas que tíñamos postas”. Con todo, no caso do Grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, explica Pardo, “o grupo de inglés que temos para os alumnos de novo ingreso está a cubrirse de forma satisfactoria”, mentres no caso da EET, das 20 prazas ofertadas cubríronse ata o de agora 14, polo que segundo Cuiñas, “tendo en conta a pouca ou nula publicidade da titulación e o descoñecemento por parte do estudantado de Bacharelato e as súas familias desta posibilidade, acadar un 70% de cobertura na primeira oferta é un resultado aceptable”.

Xornada de retorno ás aulas tamén en Pontevedra

Nun curso marcado pola estrea de dous novos mestrados no campus, o máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais e o máster interuniversitario en Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria, o retorno do alumnado ás aulas pontevedresas viuse complementada polos actos de benvida ao estudantado de novo ingreso que, dando continuidade aos que tiveron lugar noutros centros a pasada semana, celebraron este luns a Facultade de Fisioterapia e a Escola de Enxeñaría Forestal. O 2018/2019 será tamén un curso marcado polo avance das obras de remodelación que a Xunta de Galicia está a acometer no edificio administrativo de Benito Corbal, futura sede institucional do Campus Crea S2i. “Nestes meses estivemos traballando in situ coa administración autonómica trala presentación do plan de usos que queremos dar ao edificio”, apunta o vicerreitor do campus, Jorge Soto. Entre os obxectivos de cara a este novo curso, o vicerreitor subliña como unha das prioridades “achegar todas as actividades da vicerreitoría ao alumnado”, así como “apoiar aos grupos de investigación para que poidan conseguir proxectos” e tratar de “darlle unha dimensión internacional ao campus”. Impulsar actividades culturais, así como iniciativas no ámbito do deporte, saúde e benestar e igualdade, ao igual que potenciar o Programa para Maiores figuran tamén entre os obxectivos sinalados por Soto para un curso para o que tamén proxectan “fomentar hábitos e hábitats saudables”, ao abeiro do proxecto Green Campus, e continuar na liña de colaboración e xeración de sinerxías con diferentes institucións e colectivos.

Comezando con ilusión en Ourense

“Con moita ganas de traballar e con moita ilusión”. Así resume Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, como se afronta o inicio do novo curso académico 2018/2019 nas aulas ourensás. Este luns o alumnado dos diferentes centros deste campus volveu ou entrou por primeira vez neles para asistir a actos de benvida, presentacións de materias ou ao inicio da actividade docente. Tras tomar posesión no cargo o pasado mes de xuño, a vicerreitora subliña como este inicio de curso arranca coa satisfacción de contar xa, á falta do alumnado que supere as probas de acceso de setembro, “cun alto nivel de matrícula no campus”, sinalando “as boas cifras acadadas” non só por titulacións de gran demanda, como os dobres graos ou Enxeñaría Aeroespacial, senón tamén por titulacións como Xeografía e Historia. Entre os retos para os vindeiros meses, Esther de Blas apunta cuestións como “dar resposta ás necesidades de profesorado e de espazo da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo” e “continuar desenvolvendo o Campus da Auga”. Así, sobre o proxecto de especialización do campus de Ourense sinala como a finais de outubro se celebrará o III Congreso Internacional da Auga, centrado nesta ocasión na temática da xeografía e a historia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.