A Universidade celebrará de xeito virtual a festividade do seu patrón, San Tomé

Só acudirán de xeito presencial unha moi pequena representación de decanos e directores

A pandemia do coronavirus obriga a cambiar as tradicións. A Universidade de Vigo celebrará este ano o seu patrón, San Tomé de Aquino, de xeito virtual. A cita será este xoves día 28 ás 12.00 horas nunha ceremonia que estará presidida polo reitor, Manuel Reigosa, e que poderá seguirse en directo a través da canle 1 de UVigo-Tv, quedando reducida a asistencia presencial a unha pequena representación de decanos e directores de escolas e facultades.

Acompañarán ao reitor na mesa presidencial o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini. A tradicional entrega de distincións académicas, neste caso correspondente ao curso 2019-2020, non contará coa participación das persoas premiadas, senón que, será o secretario xeral, Miguel Ángel Michinel, o encargado de ir lendo o nome das persoas galardoadas cos Premios extraordinarios de grao, os Premios Egeria á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de máster na Universidade de Vigo, os Premios á excelencia académica para alumnado que inicia estudos de grao na Universidade de Vigo no curso 2020-2021 e os Premios á excelencia académica para alumnado que inicia estudos de mestrado na Universidade de Vigo no curso 2020-2021 .

A cerimonia completarase co discurso do reitor, Manuel Reigosa, e pecharase coa tradicional interpretación do Gaudeamus Igitur. O acto académico da festividade de San Tomé de Aquino coincide nesta ocasión co propio día da efeméride, polo que será festivo na Universidade de Vigo o día seguinte, venres 29 de xaneiro, data na que as instalacións dos tres campus permanecerán pechadas.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM