A Universidade conta xa cos seus propios ‘business angels’

A compañía axuda a crear, financiar e internacionalizar pequenas e medianas empresas
Publicado por o día 05/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade conta xa cos seus propios ‘business angels’

A Universidade de Vigo conta xa cos seus propios ‘business angels’ ou ‘investidores anxo’, persoas dispostas a achegar capital e experiencia para facilitar a saída ao mercado de novas empresas. Falamos dos profesores Xavier Martínez Cobas, do Departamento de Economía Financieira e Contabilidade, e de Carlos Fernández-Jardón, de Economía Aplicada, impulsores da spin-off Seixas Invest, unha nova iniciativa empresarial que nace ao abeiro da agrupación estratéxica Ecobas, formada por grupos de investigación de economía e empresa, coa que se busca axudar á creación, financiación e internacionalización de pequenas e medianas empresas e, singularmente, a guiar no seu lanzamento ao mercado a outras iniciativas universitarias.

“Durante moitos anos traballamos sobre financiamento de Pemes e sobre capital risco. A experiencia adquirida en investigación levámola despois a casos reais, traballando con emprendedores e con Pemes que necesitaban reinventarse e sobrevivir nos anos da crise. Esa dobre experiencia, teórica e práctica, de asistir emprendedores, é o fundamento da spin-off”, explica Martínez Cobas, quen fai fincapé en que a principal misión de Seixas Invest é, precisamente, “facilitar o nacemento e viabilidade de empresas, especialmente de grupos de investigación”.

Experiencia teórica e práctica para lanzar novas iniciativas empresariais

O modelo de empresa de Seixas Invest utiliza a lóxica do capital risco informal (business angels), aplicando na asistencia ás novas empresas a experiencia de máis de vinte anos de traballo sobre capital intelectual, intanxibles e financiamento de pemes que desenvolveron os promotores nas súas investigacións e na transferencia ás empresas. “A principal diferenza de Seixas Invest con outras iniciativas de capital risco atópase en dous factores: por unha banda, o emprego da nosa experiencia en capital intelectual e intanxibles nas empresas, aplicada a asistir aos promotores e, da outra, o coñecemento da lóxica universitaria e da investigación desde dentro”, explica o promotor da iniciativa, resaltando así o feito de que esta dobre experiencia lles permite traballar con dúas lóxicas: “a universitaria-investigadora e a empresarial-financeira”.

Carteira de clientes

Seixas Invest ten a súa sede nun local da rúa López Mora e, ademais dos seus promotores, conta tamén con dous socios externos á UVigo, profesionais da administración de empresas, e unha administradora. No tempo que levan en marcha asesoraron xa a diferentes empresas, sobre todo do sector industrial e con sede en Galicia. Ademais contan tamén con dúas empresas participadas no capital de forma minoritaria: unha do sector aeronáutico e outra no comercio internacional de granito e pedra ornamental.

A empresa do sector aeronáutico na que teñen participación é a firma Utingal SL, con sede no Parque Empresarial de Areas en Tui, composta na actualidade por un equipo de máis de 60 profesionais, expertos en enxeñaría, produción, compras e calidade. “Neste caso axudámoslle a facer o proceso de transformación do sector da automoción, no que levaban anos traballando, á actividade aeronaútica”, explica Martínez Cobas.

A outra empresa con particpación de Seixas Invest é a porriñesa Sogestone SL, unha comercializadora de granito e pedra ornamental que traballa con diferentes países. “Neste caso participamos no seu nacemento e expansión”, apunta o investigador de Ecobas.