A Universidade convoca máis dun cento de prazas de profesorado para o vindeiro curso na maior oferta de emprego público dos últimos anos

Co obxectivo de que o PDI teña unha dedicación docente máxima de 280 horas
Publicado por o día 21/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade convoca máis dun cento de prazas de profesorado para o vindeiro curso na maior oferta de emprego público dos últimos anos

Ata o día 1 de xullo estará aberto o prazo de presentación de solicitudes para os tres concursos públicos de prazas de profesorado que convoca a Universidade de Vigo para o curso 2019/2020. As máis de 100 prazas ofertadas fan desta convocatoria a maior dos últimos anos na Universidade de Vigo, que antes de final de ano tamén ofertará máis de 50 prazas de titular, catedrático e catedrática e contratado doutor, seguindo as prelacións xeradas a partir da data de acreditación. “Son compromisos electorais claros na aposta polas persoas e medidas que reverten en parte os efectos que tivo a crise dos últimos anos sobre o persoal e a estrutura do cadro de PDI”, asegura Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, en relación coa proposta realizada por H2040 en campaña electoral dunha dedicación docente máxima de 280 horas e a consolidación dos cadros de persoal, “o que ten un efecto sobre o rexuvenecemento do cadro de persoal permanente, que é algo que preocupa especialmente en toda a universidade española neste momento”, asegura Ramos.

O importe desta acción acada, entre os orzamentos do anos 2019 e 2020, arredor de 985.000 euros. “Desde o punto de vista económico, como non pode ser doutro xeito, supón un gasto adicional que á hora de elaborar o orzamento para este ano xa se dotou economicamente. Por outra banda, tendo en conta que estamos a falar de profesorado para o curso académico 2019/2020 tamén cómpre ter en conta o custo desta política para a elaboración do orzamento do vindeiro ano”, explica José María Martín Moreno, vicerreitor de Economía da Universidade de Vigo.

A oferta en detalle

Tres son as convocatorias abertas pola institución académica viguesa neste intre coa finalidade de reforzar o seu cadro de persoal docente e investigador: o concurso público de profesorado asociado, que oferta 43 prazas; o de profesorado axudante doutor con 13 prazas e outras oito adicionais, que se convocarán no segundo cuadrimestre e o concurso público para a elaboración de listas de agarda, con 40. A este cento de prazas convocadas neste intre, cómpre engadir tres de asociados de Ciencias da Saúde, así como as prazas de profesorado titular e catedráticas e catedráticos, que se convocarán antes de fin de ano e que ascenden a 24 no caso das e dos titulares, 24 de catedráticos e catedráticas e cinco de contratado doutor. “Todo isto, xunto cos programas de retención de talento postos en marcha, suporá que dentro do curso 2019/2020 cumpriremos a folla de ruta no referente a persoal docente e investigador que tiñamos definido no noso programa de goberno”, explica Ramos.

Nun contexto no que os ingresos se manteñen máis ou menos estables por mor do Plan de Financiamento 2016-2020 actualmente en vigor, “calquera acción nova de goberno supón unha reestruturación no orzamento para poder levala a cabo, claro está baixo a premisa de que a Universidade de Vigo siga a manter a estabilidade orzamentaria e contas completamente saneadas e solventes, como é o caso”, sinala o vicerreitor de Economía. Neste sentido, Martín Moreno sinala que cómpre ter en conta, “algo do que moi pouca xente fala: a busca da eficiencia no gasto realizado anteriormente ás políticas levadas a cabo por nós. A procura desa eficiencia fai que a reestruturación doutras partidas para investir en persoal sexa menos traumática”.

Pola súa banda, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado incide en que unha dedicación docente “tan alta como era a de 320 ten un efecto negativo, por unha banda na calidade da docencia, xa que ter que asumir tal cantidade de horas supón dispor de menos tempo para a preparación das clases, e por outra banda, na capacidade do profesorado para dedicarse ás súas outras funcións: investigación, xestión e formación propia”, detalla Manuel Ramos.