A Universidade dálle a benvida a 25 novos investigadores predoutorais

Durante tres anos, traballarán na institución viguesa realizando a súa tese de doutoramento
Publicado por o día 30/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade dálle a benvida a 25 novos investigadores predoutorais

A convocatoria de axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades galegas permitirá á Universidade de Vigo incorporar ao seu cadro de persoal a 25 novos mozos e mozas para que realicen, ao longo dos próximos tres anos, a súa tese de doutoramento na institución viguesa. A estes novos membros da comunidade universitaria deulles a benvida este xoves a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, no marco dunha xornada na que tamén recibiron información sobre trámites, servizos, procesos da tese de doutoramento, recursos dispoñibles para a investigación, etc. A vicerreitora deulle a noraboa a “unha nova xeración de contratados predoutorais que ides facer teses, sen dúbida, moi relevantes”.

As axudas están cofinanciadas parcialmente polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e comprenden dúas modalidades. A primeira delas, na que hai 15 investigadores (oito mulleres e sete homes), son axudas de tres anos de duración destinadas ao apoio á etapa predoutoral para persoal investigador que desenvolva un proxecto de investigación en liña cos retos definidos na Estratexia de especialización intelixente de Galicia RIS3. A modalidade B, con 10 persoas (nove mulleres e un home), corresponde a axudas de tres anos de duración de carácter xeral de apoio á etapa predoutoral, mediante as que se garante a representación de todas as ramas de coñecemento nesta convocatoria.

Estas 25 persoas estarán unidas á Universidade de Vigo por un contrato de traballo para investigadores predoutorais, xa que non se trata dunha convocatoria de bolsas, senón dunha relación contractual regulada polo Estatuto do Persoal Investigador en Formación. O obxectivo, lembráronlles neste acto, é “realizar toda as actividades investigadoras e de formación conducentes á adquisición de competencias e habilidades para a obtención do título de doutor”. Neste sentido, este persoal pode tamén colaborar en tarefas de docencia, cun máximo de 60 hora anuais. A duración do contrato é de tres anos pero extinguirase se antes se defende e aproba a tese de doutoramento.