A Universidade dará a a coñecer da súa oferta de mestrados nunha xornada virtual

Centrada en informar das diferentes titulacións e dos procesos de preinscrición e matrícula
Publicado por o día 10/06/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade dará a a coñecer da súa oferta de mestrados nunha xornada virtual

O pasado mes de maio, a crise xerada pola COVID-19 obrigaba á Universidade de Vigo a converter en virtual a súa Xornada de Orientación Universitaria (XOU), dirixida a presentar a oferta académica da institución ao futuro alumnado universitario. Dando continuidade a esta iniciativa, que se enmarca na campaña de captación virtual #ConectaCoaUVigo o vindeiro venres 19 a institución académica promoverá por primeira vez, a través do Campus Remoto, unha xornada de orientación centrada exclusivamente nas titulacións de mestrado. Aberta a todas as persoas interesadas, a actividade buscará achegar información e resolver posibles dúbidas respecto dos prazos, condicións de acceso, calendario de preinscrición e matrícula, así como presentar a oferta de titulacións de máster nos diferentes campus e ámbitos de coñecemento.

Promovida pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, a Xornada de Orientación Universitaria para Máster (XOM) “está especialmente dirixida” ao estudantado do último curso de grao, tanto da UVigo como das outras dúas universidades galegas, “así como a alumnado nacional e internacional, que xa amosou interese en recibir información sobre os nosos mestrados”, explica a directora da Área de Captación de Alumnado, Susana Rodríguez Barcia. A xornada englobará as presentacións de Henar Quintas, do Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao, responsable de informar aos e ás participantes dos requisitos de acceso e prazos de preinscrición e matrícula; e da técnica da Área de Captación de Alumnado Ana Caamaño, que presentará a oferta académica de estudos de máster da institución académica para o curso 2020-2021, no que a Universidade de Vigo impartirá catro mestrados novos. Trátase, concretamente, do Máster en Nanociencia e Nanotecnoloxía, o Máster en Dirección e Innovación na Cadea de Subministro, o Máster en Visión por Computador e o Máster en Industria 4.0.

As dúas presentacións veranse complementadas por quendas para as preguntas das e os asistentes a esta xornada, con acceso libre a través do Campus Remoto (co contrasinal R2h5JAdg), ata completar, como explica Caamaño, un aforo máximo de 100 persoas. Non obstante, a XOM poderá seguirse tamén a través de UVigo TV, podendo tamén formalizar preguntas a través do chat.

Vontade de continuidade

Aínda que a Universidade ten participado en diferentes feiras dirixidas a dar a coñecer estudos de posgrao e que “algunhas titulacións realizan as súas propias actividades de difusión”, a XOM constitúe, como explica Rodríguez Barcia, a primeira ocasión na que a Universidade desenvolve unha xornada “centrada con carácter exclusivo nos estudos de mestrado”. Faino ademais, a través dun formato, obrigado pola crise sanitaria, que permite, recoñece, achegar diversa información e resolver posibles dúbidas dos interesados e interesadas “de xeito moi cómodo”. Nese senso, a responsable da Área de Captación de Alumnado salienta que “esperamos consolidar esta xornada, que consideramos moi necesaria, ben sexa en formato virtual ou presencial”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.