A Universidade de Vigo superou na última década as 1500 teses defendidas

A Escola Internacional de Doutoramento (EIDO) da UVigo cumpre seis anos de existencia
Publicado por o día 19/12/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade de Vigo superou na última década as 1500 teses defendidas

1573 teses defendéronse nos últimos dez anos na Universidade de Vigo. No período comprendido entre os cursos 2009-2010 e 2018-2019, un total de 810 alumnas de doutoramento presentaron as súas teses, o que representa un 51,49% do total do estudantado, fronte a 763 homes (48,50%). “Se facemos unha media, descontando os cursos 2014/2015 e 2015/2016 nos que se incrementou notablemente o número de teses defendidas por mor da extinción neses anos dalgúns programa de doutoramento, acádase unha media dunha 130 teses anuais. Os datos máis recentes amosan que esta media é sostible e incluso hai expectativas de que medre a un ritmo moderado pero razoable”, explica Antonio Pino García, director da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO).

Das 116 teses defendidas no curso 2009/2010 pasouse no 2018/2019 a 137, destacando como cifra mínima as 95 do curso 2013/2014 e como máxima as 367 do 2015/2016, un incremento derivado, como sinala o director da Eido da extinción de programas de doutoramento que se produciu nese momento. En canto á distribución das teses por ámbitos de coñecemento, sitúase en primeiro lugar o Científico cun 32%, seguido do Xurídico-Social cun 28%, o de Enxeñaría e Arquitectura cun 23% e o de Arte e Humanidades cun 17%. “Os catro ámbitos de coñecemento están ben representados por un número de teses significativas, se ben hai unha especial énfase no ámbito de Ciencias, que conserva unha longa tradición de formación de investigadores”, sinala Pino García, que tamén destaca, que na actualidade un 40% das teses defendidas reciben a mención de internacional, para o que é preciso, entre outros requisitos, que a ou o investigador, realice unha estancia nun centro estranxeiro de cando menos tres meses de duración.

Seis anos de historia da EIDO

A finais de 2013 nacía a Escola Internacional de Doutoramento da Universidade de Vigo como centro de organización e decisión de todos os temas que afectan aos programas de doutoramento e ao ensino de terceiro ciclo en xeral, integrando o punto de vista académico co investigador. “A escola xorde xusto no momento no que o novo regulamento do doutoramento entra de cheo e nesa nova regulamentación a formación dos investigadores, que é o que representa en esencia o doutoramento, articulase nunha estrutura formativa por cursos académicos, o que implica un seguimento anual dos progresos do estudantado de doutoramento e unha regularización da duración das teses, orientada a que se realicen en prazos de tres a cinco anos”, detalla Pino García.

O director da EIDO destaca que a peculiaridade do esquema académico fai aconsellable que a escola xurdise como un centro de carácter transversal, que acolle todos os procesos de xestión das titulacións de doutoramento baixo un prisma común, á vez que xestiona a etapa final da presentación das teses baixo criterios e procedementos tamén comúns. Entre as accións encamiñadas á mellora do ensino de doutoramento, desenvolvidas ao longo destes anos, Pino destaca “a posta en marcha das aplicacións informáticas de xestión académica especializadas en titulacións de doutoramento dentro da plataforma común Xescampus; promover a oferta común de actividades formativas; posta en marcha de convocatorias de mobilidade ou promover cambios normativos para permitir as teses en cotutela internacional”.

Unha escola que aspira a seguir mellorando a calidade da formación de doutoramento

Coa vista posta no futuro, o director da Escola Internacional de Doutoramento sinala como principal reto “manter e mellorar a calidade da formación de doutoramento, así como soster e aumentar o número de doutores egresados, para o que se pretende seguir algunhas liñas de traballo xa iniciadas, como o fomento da mobilidade internacional e a produción de teses de doutoramento”.

Así mesmo, a EIDO traballará na mellora da oferta formativa de doutoramento, ”axustada ás demandas, necesidades e expectativas da sociedade para consolidar a calidade nos seus programa”, sinala Pino García; no aproveitamento das sinerxías dos programas, “o que pode conducir a unha maior eficiencia da oferta compartida de actividades formativas e incluso á agrupación de programas”; na implantación efectiva do Sistema de Garantía de Calidade e no fomento da mención industrial das teses, “como unha oportunidade para facer visible o impacto positivo que a inserción laboral dos novos doutores debe ter, non só no tecido industrial, senón tamén noutros ámbitos sociais e culturais, xa que a mención industrial, a pesares do seu nome, está aberta a todas as ramas de coñecemento”, explica o director da escola.

Comentar noticia

Your email address will not be published.