A Universidade e a Orquesta Vigo 430 propoñen ‘sesións de escoita activa’ para preparar ao público antes dos concertos

De cara ás actuacións da formación musical os días 9 de marzo, o 5 de abril e o 1 de xuño
Por o 20/02/2019 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
A Universidade e a Orquesta Vigo 430 propoñen ‘sesións de escoita activa’ para preparar ao público antes dos concertos

A inexistencia durante décadas dunha formación musical básica e seria, fixo que xeracións enteiras teman achegarse a certo tipo de música ou o fagan con certas reservas. Isto, unido á continua presenza nos programas de concerto de obras clásicas e románticas que precisan dunha certa aprendizaxe para poder escoitalas, fai que xurdan iniciativas para “formar” ao público dos concertos das orquestras clásicas. EscoitaANTES é unha destas propostas, xurdidas da colaboración entre a Universidade de Vigo e a Orquesta Vigo 430, e propón un programa de “escoitas activas” previas aos concertos desta formación musical.

A finalidade é que as persoas que asistan ás actuacións que a 430 vai ofrecer nos próximos meses o fagan cunha certa base. Con tres clases previas aos tres próximos correos trátase de “achegar, mellorar e ampliar o criterio de apreciación no que a música se refire, así como para achegar claves para o entendemento e goce de certo tipo de obras que figuran con frecuencia nos programas de concerto”. Como explica José Ignacio Armesto, director da Área de Extensión Universitaria, esta iniciativa cultural enmárcase no convenio existente entre a Orquesta Vigo 430 e a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria e conta coa colaboración do Concello de Vigo. “Trátase dunha serie de clases que preparan para a audición dos ensaios abertos, primeiros, e dos concertos, posteriormente, que a formación musical vai ofrecer os días 9 de marzo, o 5 de abril e o 1 de xuño. A asistencia tanto ás sesións previas coma aos ensaios abertos é de balde, non así aos concertos.

Estas sesións propoñen unha escoita activa, a través dunha aproximación histórica, analítica e contextual e están orientadas á preparación dos “escoitAntes” na semana anterior dalgúns dos seus concertos na cidade de Vigo. Os obxectivos desta iniciativa son potenciar a cultura musical, cambiar a maneira de escoitar, recoñecer a influencia da contorna cultural nas tendencias perceptivas, tomar conciencia do proceso polo que se memoriza un fenómeno sonoro temporal, aceptar e valorar interpretacións alternativas ou complementarias das obras musicais e empregar unha terminoloxía musical básica para comunicar os demais xuízos e sensacións persoais acerca das obras e fragmentos escoitados. Abordaranse contidos como a música como linguaxe no tempo; a memoria, reprodutora da forma; o significado da música, os distintos parámetros da música, as agrupacións temáticas e a introdución as formas musicais clásicas. As clases serán impartidas polo pianista Cándido Cabaleiro.

Tres sesións activas, tres ensaios, tres concertos

A primeira sesión de EscoitANTES será o xoves 28 de febrero, de 18.30h a 20.30h no Auditorio Municipal do Areal co Vals triste de Sibelius, o Concerto Clarinete nº1 de Weber e a Sinfonía 7 de Beethoven como protagonistas. O ensaio aberto será no Auditorio Martin Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo o 7 de marzo, de 10.00 a 13.30h e de 19.30h e 21.30h. Finalmente, o concerto será no mesmo auditorio o día 9 de marzo ás 20.30 horas.

A segunda sesión de EscoitANTES  terá como protagonistas ás sinfonías de Mozart e desenvolverase no Auditorio Municipal do Areal o xoves 21 de marzo ás 18.30 horas. O correspondente ensaio será no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o 4 de abril ás 11.30 horas e o concerto finalmente o 5 de abril ás 20.30 horas no Teatro Afundación.

A derradeira sesión de EscoitANTES terá dúas partes, unha coa Sinfonía 6 ‘Patética’ de Tchaikovsky o 9 de maio ás 18.30 no Auditorio Municipal do Areal e outra co Concerto para chelo de Elgar e Hermes de Octavio Vázquez na mesma localización o 23 de maio ás 18.30 h. Os ensaios abertos serán na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o xoves 30 de maio ás 11.30 e o concerto no Teatro Afundación Vigo o 1 de xuño ás 20.30 horas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.