A Universidade entrega os galardóns ás premiadas no concurso de fotografía ‘Que é a UVigo para ti?’

Con catro modalidades: estudantes, persoas egresadas, PDI e internacional
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade entrega os galardóns ás premiadas no concurso de fotografía ‘Que é a UVigo para ti?’

O concurso Que é a UVigo para ti? buscaba que a comunidade universitaria e todas aquelas persoas que pasasen nalgún momento da súa vida pola UVigo remexesen nas súas lembranzas na procura dunha instantánea que reflectise que significou para eles e elas a etapa. O xurado fixo público a súa decisión a comezos deste mes, pero non foi ata onte mércores cando as persoas gañadoras nas catro modalidades, estudantes, persoas egresadas, PDI e internacional, recibiron os galardóns.

Foron tres primeiros premios e catro accésits e as fotos pasarán a formar parte da web da futura asociación de antigo alumnado que se está a artellar dende a Área de Emprego e Emprendemento. Ás tres gañadoras, Carla Aira Rodríguez no colectivo de estudantes (accésit para Ana Mª Sánchez); Cristina Pérez entre as persoas egresadas (accésit para Andrea Landeira); a da profesora Pilar Piñeiro entre o PDI (accésit para a catedrática África González), únese Marilia Skoufou, accésit na modalidade internacional, categoría engadida en substitución da de PAS. Para elas, a Universidade organizou este mércores un acto celebrado no edificio Miralles, no que as vicerreitoras de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, xunto coa directora da Área de Emprego, Maruxa Álvarez, lles fixeron entrega dos diplomas acreditativos e dos agasallos.

Amizade, futuro, compañeirismo e novos comezos

As fotos premiadas foron elixidas entre un total de 28 imaxes. A proposta de Cristina Pérez Carmuega, gañadora na categoría de persoas egresadas e titulada Persoas que chegan para dar vida, é unha instantánea sacada xusto despois de facer as fotos para a orla, xunto coas súas compañeiras do grao en Educación Infantil no campus de Pontevedra. “Elas son as persoas que chegaron para quedarse, para darlle vida á vida. Elas tres e máis eu pasamos durante a carreira moitas aventuras, exames, traballos, risas, choreiras, festas… o que atopei nelas é un lugar no que sentirme coma na miña casa”.

Carla Aira Rodríguez acadou o 1º premio na categoría de Estudantes coa foto O futuro da ciencia vaise a descansar, na que amosa o complexo de investigación CACTI-Cinbio ao solpor. Graduada en Química pola UVigo, Aira actualmente está realizando o traballo fin de mestrado nun destes laboratorios. “Cando salgo e vexo estas postas de sol despois dun longo día de traballo, síntome orgullosa do que estou facendo e penso en todo o que aínda podo achegar. E penso tamén en toda esta xente que coma min, está traballando xunta para facer desde un mundo mellor. Esta fotografía representa para min a oportunidade e a ilusión e paixón de quen ama aquelo que fai”.

Na categoría PDI a gañadora foi Pilar Piñeiro, cunha foto de grupo do alumnado da XI edición do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible (MXDS), que ela coordina, sacada no lago da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o primeiro día de clase do curso 2019-2020. “Aínda que poida parecer que son un grupo de amigos, facía só un par de horas que se coñecían”. A docente destaca a importancia de traballar a parte persoal do alumnado, porque “para poder medrar xuntos profesionalmente é fundamental que se identifiquen como grupo e como membros da UVigo. Para min o MXDS e a Universidade son ‘máis que clases’ e por iso ese é o título da foto”.

Finalmente, na modalidade internacional foi seleccionada Moitos lugares para un sitio, da estudante grega Marilia Skoufou, unha foto de grupo no acto de benvida ao alumnado estranxeiro durante a súa estadía no campus de Pontevedra. “Os nosos camiños cruzáronse, con algún máis, con outros menos, pero todos compartimos uns recordos que dificilmente se poderán repetir”, recorda. Para ela en concreto, a foto representa tamén un novo comezo, xa que tras a súa experiencia Erasmus, decidiu continuar os seus estudos na Universidade e, actualmente, reside e traballa en Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.