A Universidade establece un protocolo de acceso a laboratorios para garantir a continuidade da investigación

A medida revisarase e ampliarase cando finalice o estado de alarma
Publicado por o día 28/04/2020 na sección de Coronavirus,Universidade de Vigo

A Universidade establece un protocolo de acceso a laboratorios para garantir a continuidade da investigación

Garantir que poidan seguir desenvolvéndose aqueles proxectos de investigación ou transferencia que non poden ser adiados e requiren de traballo nos laboratorios é o obxectivo do protocolo de acceso a estas instalacións establecido pola Universidade. A medida fixa que o acceso deberá realizarse por quendas, cunha única persoa en cada dependencia e ten como obxectivo evitar “unha parada total na investigación”, como salienta a vicerreitora Belén Rubio.

“Levamos máis de 40 días confinados e o persoal investigador precisa continuar cos seus proxectos e contratos con empresas”, salienta a vicerreitora de Investigación, que recoñece que o acceso aos laboratorios xa unha demanda que o persoal investigador ía realizando “de xeito puntual e individual”, tendo en conta ademais que moitos “traballos experimentais representan series continuas, algunhas de moitos anos” para as que unha parada implicaría perder “moitísima información relevante”. A través deste protocolo, o acceso poderá levarse a cabo dun “modo organizado”, por quendas dun máximo de catro horas, que permitan “limpar e desinfectar adecuadamente” entre elas, e cunha única persoa por dependencia, de tal que “o risco de contaxio é mínimo ou nulo”, apunta Rubio.

Acceso a laboratorios e despachos

Dirixido a garantir a seguridade e a saúde das persoas que acudan a traballar aos espazos da Universidade durante o estado da alarma é o obxecto dun protocolo que establece o procedemento de solicitude de acceso que, semanalmente, o investigador principal do proxecto deberá trasladar aos decanatos e direccións dos seus centros, que á súa vez remitiranas á Vicerreitoría de Investigación. Este mesmo procedemento, neste caso remitido á Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado, aplicarase tamén ás e aos docentes con dificultades de conexión a internet que deba acceder puntualmente aos seus despachos para garantir unha axeitada docencia non presencial. En ambos casos, os permisos deberán ter en conta o establecemento de dúas quendas dun máximo de catro horas, o que podería implicar, recoñece Rubio, “que naqueles centros que demanden moita asistencia haberá investigadores que non poidan acceder todos os días”.

Reincorporación gradual tralo estado de alarma

O protocolo “revisarase e ampliarase unha vez rematado o estado de alarma, estando prevista unha reincorporación progresiva e intentando manter o teletraballo o máximo posible, polo menos durante dous meses”, seguindo as recomendacións establecidas polo Goberno. “O que si está claro é que non imos poder volver todos de golpe aos laboratorios”, recoñece Rubio, que ve nesta medida un “primeiro paso para a desescalada, que será gradual e progresiva”.