A Universidade pon en marcha un programa para prorrogar os contratos de investigadoras distinguidas

O reitor confirmou que Vigo, cun 91% de prazas ocupadas, sitúase á cabeza do SUG
Por o 09/10/2018 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
A Universidade pon en marcha un programa para prorrogar os contratos de investigadoras distinguidas
Compartir en:

O Consello de Goberno aprobou por unanimidade na súa sesión ordinaria de hoxe os contratos Hipatia, un programa que permitirá prorrogar por dous anos os contratos das investigadoras distinguidas da Universidade de Vigo, co obxectivo de facilitar a continuidade da súa actividade. As investigadoras, que poderán presentar as súas solicitudes entre o 9 e o 19 de outubro, unha vez contratadas, impartirían ata un máximo de 80 horas anuais de docencia e terán plena capacidade investigadora coa posibilidade de solicitar proxectos como investigadoras principais. Rematar o seu contrato de investigadora distinguida no ano 2018 e dispoñer da acreditación Aneca como profesora titular, son os requisitos que deben cumprir as investigadoras que queiran solicitar un dos tres contratos Hipatia aprobados hoxe. Despois que a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, detallase as características dos contratos, o reitor, Manuel Reigosa lembrou que “en principio o compromiso do equipo reitoral vai para aquelas 42 persoas que en distintas figuras están contratadas neste momento en distintos niveis, dende Marie Curie a postdoc. O que queremos é que no futuro a xente teña claro cando entra nunha figura, se esa figura é consolidable ou non. Entendemos que todos aqueles que entraron cunhas expectativas de consolidación na Universidade de Vigo imos facer o esforzo para facerlles oco e que se queden e no futuro intentaremos traballar no equilibrio das áreas e dos ámbitos”, explicou Reigosa.

Este foi o punto da orde do día máis destacado da sesión ordinaria celebrada este mediodía na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación na que, entre outros acordos, tamén se aprobou a elección do alumno Diego Moldes como representante de estudantes no Consejo de Estudiantes Universitarios del Estado, así como a proposta de modificación do título Máster en Estudos Ingleses Avanzados e as súas aplicacións e a designación dos vicerreitores de Planificación e Sostibilidade, José Luis Miguez e Consuelo Pérez e a xerenta Raquel Souto, como representantes da Universidade de Vigo no consello de administración de Cidade Universitaria.

Á cabeza do SUG en taxa de ocupación

No seu informe aos membros do Consello de Goberno, o reitor confirmou que a Universidade de Vigo acadou, ao cumprirse o oitavo prazo de matrícula, algo máis dun 91% de prazas de novo ingreso ocupadas nas titulacións ofertadas no curso 2018-2019, o que a sitúan como a primeira do Sistema Universitario de Galicia. “Estamos realmente cubrindo as expectativas”, asegurou Reigosa, que en relación coas titulacións que máis dificultades está na ter para cubrir prazas, avanzou que o equipo de goberno está a traballar nun plan específico para atraer alumnado, así como en accións específicas, imitando as desenvolvidas pola Facultade de Historia do campus de Ourense. “Entendemos que son titulacións importantes para o SUG e que tamén teñen moito que ver co fortalecemento do tecido industrial e do traballo de noso país e cómpre que acaden un maior número de estudantes”, sinalou o reitor, que manifestou a súa expectativa de que nas próxima semanas aínda se supere o 91% de ocupación acadado neste intre.

Reigosa tamén deu conta dos acordos adoptados nas últimas reunións do Consejo de Universidades e da CRUE, así como coa Consellería de Educación, destacando neste último caso o inicio do traballo en relación coa implantación de titulacións duais, nas que unha parte das ensinanzas cubriríanse en empresas, unha opción, segundo o reitor “interesante sobre do nunha universidade que ten titulacións do ámbito tecnolóxico e cun tecido empresarial e industrial bastante forte na contorna”, explicou o reitor, que confirmou que o vindeiro día 18 de outubro se celebrará o primeiro claustro do novo curso.

Comentar noticia

Your email address will not be published.