A Universidade rexistrou 168 positivos por covid-19 dende o inicio do curso, unha prevalencia inferior á de Galicia

A evolución do número de casos activos por semana amosa como descende a curva da segunda vaga
Publicado por o día 09/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade rexistrou 168 positivos por covid-19 dende o inicio do curso, unha prevalencia inferior á de Galicia

O curso 2020-2021 arrancaba no mes de setembro con moitas novidades pero tamén con moita incerteza sobre como a evolución da pandemia da covid-19 afectaría á vida académica e laboral da comunidade universitaria. Pasados xa catro meses, o número de casos acumulados nos tres campus demostra que as medidas postas en marcha pola Universidade durante este tempo foron efectivas. Así, dende o 21 de setembro, día no que se iniciou o curso oficialmente, ata o día 6 deste mes de decembro, nos tres campus rexistráronse 168 casos confirmados, dos cales, 148 foron entre o estudantado, 5 entre o PAS e o 15 entre o PDI.

A Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade está a realizar un seguimento semanal dos casos e, atendendo aos datos dispoñibles, o vicerreitor e responsable do Comité de Seguimento da covid-19, José Luis Míguez, explica que na Universidade de Vigo “a prevalencia é inferior á de Galicia e á de España”. Lembra que o curso comezaba sen saber “como ía ser o comportamento do estudantado, que ten unha grande interacción social, pero excepto casos puntuais de casos confirmados en pisos alugados, o comportamento en xeral ten sido moi bo”.

Os datos amosan que se produciron dous picos, ambos con 29 positivos, no mes de outubro en Ourense e no de novembro en Vigo, coincidindo tamén cun repunte de contaxios nestas cidades. Na actualidade, con 8 casos activos na institución na semana entre o 30 de novembro e o 6 de decembro, a curva desta segunda vaga estase aplanando de igual xeito que o está a facer en Galicia.

Un evolución parella á segunda vaga en todo o Estado

E evolución dos contaxios entre a comunidade universitaria foi parella á da segunda vaga deste outono en toda España. Na primeira semana do curso rexistráronse 5 casos e a segunda, 4. A partir de aí, a confirmación de positivos foise incrementando semana a semana: 8, 10, 29, 19, 29, 22 e 19 e comezou a decrecer notablemente a partir da semana do 23 ao 29 de novembro, na que se rexistraron 14 casos e na primeira de decembro, con só 8.

Atendendo aos últimos casos analizados, os correspondentes ao período do últimos dez días (do 27 de novembro ata o 6 de decembro) rexistráronse 11, todos eles estudantes. Vigo foi o campus con maior incidencia, con sete casos, dos cales dous corresponden ao edificio de Ciencias Experimentais; tres á EE Industrial (un no campus e dous en Torrecedeira) e outros dous á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. En Ourense foron tres casos no Edificio de Ferro e en Pontevedra un, na EE Forestal.

Sen apenas impacto na docencia

Os casos rexistrados ao longo destes meses tan só provocaron incidencias puntuais na planificación docente. Así, a finais de outubro pasaron a docencia virtual todas as titulacións de Ciencias da Educación e do Deporte e 4º de Publicidade e RRPP, ambos centros no campus de Pontevedra. No primeiro caso, o cambio foi durante só dous días, despois de realizar PCR ás persoas que deran positivo nos test rápidos. No caso de 4º de Publicidade e RRPP, o cambio durou cinco días, volvendo á normalidade o día 2 de novembro, tamén tras os resultados das probas PCR. Xa no mes de novembro, entre o día 16 e o 25 de novembro, pasaron a modalidade virtual un grupo de 1º da Escola de Enxeñería Industrial, en Torrecedeira, e o 2º curso do Grao de Traballo Social da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense.

Unha aposta pola prevención temperá

Para a planificación deste curso académico, o equipo reitoral da UVigo apostou pola prevención temperá do coronavirus e deseñou unha serie de medidas orientadas a evitar que as escolas e facultades se convertesen nun foco de contaxio e expansión da covid-19. As cifras de casos detectados, asegura José Luis Míguez, “demostran que tanto as medidas adoptadas en función das recomendacións do Sergas” como as deseñadas pola propia institución académica, funcionan e que “se pode intentar, cunha prevención temperá, poñer cortalumes á transmisión do coronavirus”.

Así, por unha banda púxose en marcha unha campaña de rastrexo de casos que comezou coa realización de probas a través do sistema pooling a todo o persoal, tanto PAS como PDI, ao inicio do curso. A estas únense outros 200 test semanais ao alumnado, que poden ser aleatorios ou ben concentrarse en centros e cursos nos que se detecte maior incidencia do virus.

Outra das medidas destacadas para este curso foi a instalación de códigos QR nas aulas, que permiten facer un seguimento das persoas usuarias en caso de detectarse algún caso positivo nunha clase. Ademais, escolas e facultades adaptáronse a esta nova contorna docente ampliando espazos para asegurar as distancias de seguridade e poñen a disposición de toda a comunidade universitaria as medidas hixiénicas e sanitarias precisas para facer deste curso un curso o máis seguro posible.

No que se refire á organización docente, a UVigo decidiu que cada escola ou facultade elixise, segundo as súas necesidades, entre a docencia mixta, parcialmente presencial ou 100% presencial. Para isto, e coa experiencia da posta en marcha do Campus Remoto o curso pasado, a Universidade seguiu ampliando e mellorando as plataformas e ferramentas para a docencia virtual. Así, xunto co xemelgo dixital, creáronse as Aulas Integra, espazos dotados con equipos persoais como ordenadores ou tabletas, que dan soporte a un “encerado virtual” que pode verse simultaneamente polos alumnos presentes na aula e por aqueles que sigan as clases desde a súa casa, ademais de permitir a adecuada interacción destes últimos. Tamén se puxo en marcha o novo portal de teledocencia, MooVi, que irá progresivamente substituíndo a FaiTic.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.