A Universidade súmase á iniciativa de Bicos de Papel para crear un parque na área oncolóxica infantil do Álvaro Cunqueiro

Publicado por o día 21/05/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A Universidade súmase á iniciativa de Bicos de Papel para crear un parque na área oncolóxica infantil do Álvaro Cunqueiro

A asociación Bicos de Papel naceu en 2017 co obxectivo prestar apoio psicolóxico e orientación ás familias con fillos e fillas oncolóxicos e artellar un programa de actividades educativas e lúdicas para que os nenos e nenas teñan unha vida o máis parecida posible á do resto de cativos da súa idade. Un dos últimos proxectos que puxeron en marcha é a construción dun parque infantil no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que axude aos pacientes oncolóxicos infantís a facer menos dura a súa estadía no centro hospitalario. Para facelo posible están a organizar un evento solidario que terá lugar o vindeiro 14 xuño e ao que a Universidade de Vigo prestará o seu apoio. Este martes, o reitor, Manuel Reigosa, recibiu a Patricia Suárez, directora da revista Toolmaker que organiza o evento e a Natalia Dieste, presidenta de la Asociación Bicos de Papel para constar a colaboración da Universidade a esta proposta.

Un parque para sorrir

O parque infantil, de 75 metros cadrados, instalarase nun espazo exterior cedido polo Sergas, no patio que hai entre o hospital de día e as consultas de oncoloxía pediátrica. Para poder convertelo nunha realidade, Bicos de Papel precisa recadar un orzamento de arredor de 40.000€, obxectivo para o que a asociación e a revista Toolmaker organizan o evento solidario do día 14 de xuño no Pazo Los Escudos, que constará de dous bloques diferenciados, unha xornada técnica sobre a industria 4.0 e unha cea benéfica. A Universidade de Vigo súmase a esta iniciativa como patrocinador do evento e tamén achegando coñecemento á xornada, xa que entre outros ponentes de empresas e institucións, intervirá o profesor da EE Industrial, Ignacio Armesto.

O programa da xornada arranca ás 16.20 horas coa benvida da man de Patricia Suárez, directora da revista ToolMaker e de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra. O profesor Ignacio Armesto abrirá o panel de relatorios cunha intervención sobre as novidades e tendencias en robótica industrial e non industrial. Tras el intervirán representantes de Haas Galicia, Schunk e Universal Robots, que abordarán temas como a industria 4.0 no mecanizado, os recursos humanos no paradigma 4.0 ou a evolución da robótica colaborativa. Ás 19.00 horas arrancará unha mesa redonda sobre retos e oportunidades da industria 4.0 no sector industrial galego que moderará o director do Igape, Juan Cividanes, coa participación de representantes de Universal Robots, TI Automotive Galicia, Borgwarner Vigo, PSA e GKN Vigo. A clausura da xornada correrá a cargo do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, tras o que comezará a cena solidaria.

As persoas interesadas poden inscribirse ben na xornada técnica, que contará ademais cunha área expositiva, cun prezo de 10 euros, ben na cea, cun prezo de 50 euros. A recadación destinarase integramente a Bicos de Papel para a construción do parque infantil no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.