A UVigo agarda a finais de xuño e principios de xullo acadar unha reincorporación maioritaria do seu persoal

A volta á actividade continuará ata o 30 de xuño, aínda que se prevé manter o traballo remoto

Unha vez que o Goberno publicou o pasado 28 de abril o Plan para la transición hacia una nueva normalidad, na Universidade de Vigo comezou o proceso de elaboración dun protocolo que establecese o retorno á actividade presencial, así como medidas de prevención asociadas fronte á COVID-19. Coa participación das vicerreitorías de Planificación e Sostibilidade, Investigación, Ordenación Académica e Profesorado e a Xerencia, elaborouse un borrador que lle foi trasladado ao Comité de Seguridade e Saúde do Traballo e negociouse cos representantes do persoal PAS e PD. “Debe destacarse o nivel de implicación e vontade de colaboración amosado en todo momento polos órganos de representación , permitindo acadar acordos con facilidade, aspecto que valora especialmente a institución ao contar co apoio e refrendo dos órganos de representación do persoal”, explica Raquel Souto, xerenta a Uvigo.

O protocolo, publicado nas últimas horas como resolución reitoral, contempla tres fases no proceso de retorno á actividade presencial: uha primeira, subdividida a súa vez en dous períodos, un organizativo do 11 ao 17 de maio e outro de implantación, entre o 18 e o 31 de maio; unha segunda fase que abrangue do 1 ao 14  de xuño e unha terceira, do 15 ao 30 de xuño. O texto, no que se fai referencia expresa ás persoas pertencentes a grupos vulnerables para a COVID-19 (diabetes, enfermidade cardiovascular e pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, embarazo e maiores de 60 anos), asi como a persoas con cargas familiares (menores e 12 anos e maiores dependentes), tamén detalla as medidas preventivas a implementar en canto á organización do traballo, acceso e mobilidade, reunións; medidas de atención ao público e preventivas colectivas e zonas comúns, así como aspectos relacionados coa docencia, a realización de exames e I+D. “As expectativas son positivas, e esperamos a finais do mes de xuño e principios de xullo a reincorporación do persoal poida ser maioritaria, comezando unha situación de nova normalidade. Non obstante, a prioridade é a saúde dos traballadores e estaremos moi atentos ás indicacións que nos fagan chegar as autoridades competentes”, sinala Raquel Souto, que lembra que en todas as fases de reincorporación ao traballo a apertura dos centros será de 9.00 a 19.00 horas.

Fase organizativa e fase de implantación

A preparación do inicio do proceso de retorno á actividade presencial estase a desenvolver ao longo desta semana en dúas frontes: dunha banda, as persoas responsables dos servizos e unidades comunican as súas previsións e necesidades para a paulatina reincorporación ao traballo presencial, “dando prioridade ás posibilidades de continuidade do réxime de traballo en remoto”, explica a xerenta. E doutra banda, procédese ao reparto de material de protección e seguridade para minimizar riscos nos centros, coa finalidade de ter todo preparado para o vindeiro día 18.

E é que do próximo luns e ata o vindeiro 31 de maio desenvolverase a fase de implantación na que comezará a prestar servizo de xeito presencial o persoal considerado necesario para a posta en marcha do funcionamento dos centros; persoal que ocupe postos de decano, xefe de servizo, administrador, director ou responsables das unidades ou centros correspondentes e o persoal que os seus responsables consideren indispensable para o funcionamento do servizo ou unidade, compatibilizando o réxime de traballo presencial co non presencial, así como o persoal cuxas funcións non poidan ser prestadas de xeito non presencial. “Nestes intres non hai unha previsión exacta do número de persoas que poden incorporarse a partir do luns, pero necesariamente acudirá persoal das conserxerías dos centros para a súa apertura”, sinala Souto, que no caso dos centros alude á variada casuística, desde servizos que se poden manter todo o mes de maio traballando de xeito non presencial, ata outros que precisan ir incorporando progresivamente persoal.

Así, a estimación previsible na primeira fase, segundo apunta Souto, é que se incorpore arredor dun 20% do persoal, dependendo do servizo e dos espazos cos que conten, tendo en conta ademais a flexibilidade permitida en canto á  reincorporación, con posibilidades de mudar quendas, alternar por días ou semanas o persoal para traballo presencial, e outras facilidades. “En todo caso o retorno supeditarase ao cumprimento estrito das medidas de seguridade establecidas: distancia social de dous metros, utilización de dispositivos de protección, etc…”.

Segunda e terceira fase e persoas de grupos vulnerables á COVID-19 e con cargas familiares

Entre o 1 de xuño e o 14 de xuño desenvolverase a fase dúas na que se reincorporará o persoal que teña posto de traballo nun espazo exclusivo ou que traballen en oficinas que garantan unha distancia de dous metros de separación entre o persoal, mentres que, no caso de postos que non garantan esta distancia, prestarán servizo alternando réxime presencial e non presencial, establecéndose quendas rotatorias. E entre o 15 e o 30 de xuño, na terceira fase, reincorporaríase o persoal cuxos postos incumprían a separación de dous metros entre eles, logo de realizar os axustes ou obras necesarias para garantir a distancia mínima de seguridade. “Todo este proceso estará obviamente condicionado á evolución da pandemia é á regulación que poidan establecer as autoridades competentes”, explica a xerenta, que insiste, en que sen obviar as medidas que se poidan adoptar a nivel autonómico ou estatal, no relativo ao alumnado non está contemplado de momento o seu regreso ás aulas.

O protocolo contempla así mesmo, que o persoal que pertenza aos colectivos definidos polo Ministerio de Sanidad como vulnerables á COVID-19 (diabetes, enfermidade cardiovascular e pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en fase de tratamento activo, embarazo e maiores de 60 anos), así como a persoas con menores de 12 anos e maiores dependentes ao seu cargo e afectados polo peche de centros educativos ou de maiores, e que non sexa compatible a súa situación con medidas especiais de flexibilidade da xornada laboral, poderán seguir desenvolvendo a súas tarefas en réxime non presencial. “En principio serían estes dous colectivos os que se reincorporarían en última instancia, sen prexuízo de necesidades concretas de servizos ou unidades en base a súa dimensión e tarefas a desenvolver. Destacar que respecto dos grupos vulnerables, o protocolo establece unha sistemática de actuación, con comunicación ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais, para que este realice a valoración oportuna acerca das condicións de medidas a adoptar no caso de que deban incorporarse á prestación de servizo presencial”, detalla Raquel Souto.

Medidas de prevención asociadas fronte á COVID-19

O protocolo contempla ademais medidas preventivas a implementar en canto á organización do traballo, acceso e mobilidade, reunións; medidas de atención ao público e preventivas colectivas e zonas comúns, así como aspectos relacionados coa docencia, realización de exames e I+D. Neste sentido, recóllese por exemplo a posibilidade de redefinir tarefas co obxectivo de poder realizar o traballo telemáticamente; redución do traballo simultáneo nas zonas comúns; modificación da organización a circulación de persoas en zonas comúns ou mesmo estudar o emprego de cámaras térmicas ou medidores de temperatura sen contacto no acceso aos centros onde haxa grandas concentracións nas entradas e saídas. Prohíbense ademais, ata nova instrución, as visitas aos centros. Pola súa banda, no caso dos espazos de atención ao público, utilizarase un sistema de portelo, establecéndose o sistema necesario para garantir a separación física mínima de dous metros .

Por último, en relación coa docencia, realización de posibles exames e I+D, o protocolo establece a maximización do uso do ensino virtual, tutoriais en vídeo e o emprego de simuladores e cara á realización de posibles exames sinala que se “farán os estudos pertinentes para o caso de que se decida facer algún exame presencial na convocatoria de segunda oportunidade. A decisión de facer algún exame en xullo está pendente dunha resolución reitoral que se ditará a finais de maio, na que se indicará si se dan as condicións oportunas para facer algunha proba presencial e, nese caso, será o Consello de Goberno o que aprobe a relación de exames que serán presenciais”, explica Raquel Souto, que en relación cao realización das probas da ABAU, lembra que a organización compete á CIUG e, “ata onde sabemos, aínda non teñen decidido como se fará a proba. No que respecta á Universidade, o único do que temos constancia é dunha solicitude de información de aulas dispoñibles nos días previstos, xa que a realización en dependencias da universidade é unha das opcións que aínda está aberta”, detalla.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM