A UVigo convida ao resto de universidades españolas ao seu tradicional Concerto de Nadal

Aberto ao público en xeral, correrá a cargo do grupo folk galego TOR
Publicado por o día 09/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A UVigo convida ao resto de universidades españolas ao seu tradicional Concerto de Nadal

Neste ano 2020 nada é igual que anos anteriores, a situación sanitaria provocada pola pandemia da covid-19 obrigou a mudar todos os plans e proxectos, pero, por moito que a realidade actual sexa complicada, hai tradicións que, dun ou outro xeito, tentan manterse. Na Universidade de Vigo unha destas tradicións é o seu Concerto de Nadal, a cita coa que a comunidade universitaria dá a benvida ás festas. Este ano a pandemia impide realizar esta actividade tal e como era habitual, polo que dende o equipo de goberno optouse por organizar un acto moito máis modesto, de maneira totalmente virtual, pero cunha gran novidade, convidar ao concerto ao resto de universidades españolas, “un xesto co que, nestes momentos de incerteza, queremos dar unha imaxe de unidade, xa que todos estamos a sufrir o mesmo problema, tanto desde o punto de vista académico como de xestión e de todo en xeral”, explica o profesor Pedro Pablo Gutiérrez, director de Área de Extensión Universitaria, quen fai fincapé en que “a música é un dos mellores remedios para non deixarnos levar polo desánimo”.

O concerto correrá a cargo do grupo folk galego TOR e celebrarase o vindeiro xoves 17 de decembro ás 20.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, se ben, por motivos de seguridade sanitaria, nesta ocasión non haberá público presencial, senón que será retransmitido en directo a través de UVigoTV, non só á comunidade universitaria da Universidade de Vigo, senón tamén do resto de universidades españolas e do conxunto da cidadanía en xeral.

TOR, o regreso ás raíces musicais do folk

“TOR é un grupo de folk galego moi orixinal, unha formación moi novidosa que mestura o folk galego antigo co irlandés, o escocés…”, explica o director da Área de Extensión Universitaria. Nesta formación coinciden os irmáns Félix e Cástor Castro, Xosé Liz e Álvaro Iglesias, catro recoñecidos profesionais que, logo de moitos anos dedicados á investigación musical, apostaron por unirse neste proxecto. O resultado é TOR, un innovador proxecto cun repertorio composto, sobre todo, por popurrís ou sets de temas instrumentais tomados da tradición galega, con especial atención aos gaiteiros e músicos do interior. A principal fonte é o amplo arquivo propio de partituras e discos antigos, así como gravacións de campo realizadas polos seus membros buscando temas orixinais da frauta de madeira e acordeón diatónico ou de estilos de toque de gaita de comarcas pouco coñecidas como A Limia, Frieiras e Navia entre outras.

Xunto coa liña melódica guiada principalmente por instrumentos da tradición galega como a gaita, a frauta de madeira, ou o acordeón diatónico, e outros máis atípicos como a anglo concertina, e completan a parte harmónica o bouzouqui e o contrabaixo, conformando un son acústico, reelaborado dun xeito concordante cos traballos que se fan hoxe en día no folk atlántico europeo.

O concerto que van ofrecer no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e que será retransmitido en director por UVigoTv durará arredor dunha hora e nel interpretaranse algunha das pezas máis coñecidas deste grupo: SobradoCarolinaRepimpínTambores

Comentar noticia

Your email address will not be published.