A UVigo destina 150.000 euros para axudas urxentes que palíen o impacto da COVID-19 nas economías familiares

A contía máxima da bolsa será o 50% da matrícula de grao, mestrado ou doutoramento

ERTES, despidos, redución de ingresos… o impacto do confinamento decretado polo estado de alarma dende o 14 marzo nas economías familiares está a ter un impacto directo moi grave sobre a renda das familias. Para tratar de paliar os efectos que estas circunstancias poidan ter no rendemento académico do alumnado, a Universidade de Vigo acaba de lanzar unha convocatoria de axudas urxentes e excepcionais para o estudantado afectado polas consecuencias económicas da declaración do estado de alarma que lle impida ou dificulte a continuidade dos seus estudos. Estas bolsas cubrirán ata un máximo do 50% da matrícula, tanto de grao como de mestrado e doutoramento.

Dende a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria explican que
“as medidas de confinamento da poboación e as restricións a actividade económica que se derivan do estado de alarma teñen un impacto directo moi grave sobre a renda das familias, situación que pode afectar negativamente ao rendemento académico do alumnado afectado, polo que concorren razóns de interese público que aconsellan a adopción de medidas extraordinarias en materia de axudas ao alumnado máis vulnerable”. Así, con estas axudas trátase de asegurar que o alumnado da Universidade de Vigo manteña a súa actividade académica a pesar das importantes perdas de renda sufridas por eles mesmos e as súas familias.

150.000 para as axudas

O importe do crédito orzamentario retido para esta convocatoria ascende a un máximo
de 150.000,00 €, e a contía máxima da bolsa será o 50% do importe dos prezos públicos por servizos académicos dos créditos matriculados, incluídas as penalizacións por falta de pagamento, unha vez realizadas as exencións e bonificacións do pagamento dos prezos ás que teña dereito a persoa beneficiaria. O pagamento da bolsa efectuarase no prazo dun mes desde a resolución de adxudicación.

Pode solicitar estas bolsas os estudantes matriculados en titulacións de grao, mestrado e doutoramento da Universidade de Vigo no momento da declaración do estado de alarma, sempre e cando algún membro da unidade familiar se atopen en situación de desemprego ou de Expediente Temporal de Regulación de Emprego (ERTE) como consecuencia directa da COVID-19; sexa traballador por conta allea e teña reducido a xornada laboral por coidados como consecuencia directa da COVID-19; ser traballador por conta propia e ter concedida a prestación extraordinaria por cese de actividade ou ben ser traballador do fogar e ter concedido o subsidio extraordinario por falta de actividade.

A estes efectos considérase a unidade familiar composta polo pai e a nai (ou titores legais),
a persoa solicitante, e os/as irmáns/ás solteiros/as menores de 25 anos. No caso de separación legal ou divorcio dos proxenitores cando a custodia non sexa compartida non se considera membro da familia aquel que non conviva co/a solicitante, pero si o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación. Tamén serán considerados membros, os/as irmáns/ás de maior idade cando se trate de persoas con discapacidade e os/as avós/avoas, que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio co certificado municipal conxunto correspondente a 31 de decembro de 2018; no caso de non acreditar a convivencia non serán tidos en conta.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 19 de xuño. Toda a información da convocatoria pode consultarse neste enlace.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM