A UVigo participa nunha rede europea que formará doutorandos para afondar no coñecemento do impacto dos plásticos nos solos agrícolas

Este sábado 5 de decembro celébrase o Día Mundial do Solo
Publicado por o día 04/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Cubertas de invernadoiros, túneles, ensilaxe ou películas de polímero para mulching (acolchado). Estas son só algunhas das utilidades dos plásticos en sistemas de produción no caso dos solos agrícolas, aos que tamén chegan a través do rego con augas residuais tratadas, ou mediante a aplicación de lodos de depuradora ou compost, e mesmo arrastrados polo vento. “Se enchemos o solo de plásticos podemos alterar a súa estrutura, crear problemas de toxicidade para os organismos (se os peixes e tartarugas comen o plástico nos mares, os organismos do solo tamén, sobre todo os microplásticos), e non temos nin idea de que efectos vai ter sobre a fertilidade ou sobre o crecemento dos cultivos”, explica a catedrática do Departamento de ecoloxía e bioloxía animal María Jesús Iglesias Briones, que recoñece as limitacións que existen no coñecemento da prevalencia e o destino dos plásticos nos solos agrícolas e o seu impacto nas súas funcións.

Co obxectivo de paliar esas carencias e formar unha nova xeración de investigadoras e investigadores, en fase inicial, “creativos, emprendedores e innovadores e que sexan quen de enfrontar os retos actuais e futuros e converter o coñecemento e as ideas en produtos e servizos en beneficio económico e social”, once entidades, entre as que se atopa a UVigo, e baixo a coordinación da Universidade de Ausburgo, crearán unha rede europea para preparar doutorandos no campo do macro e microplásticos en solos agrícolas, Macro and Microplastic in Agricultural Soil System (SOPLAS). Durante catro anos, a partir de xaneiro de 2021, o Innovate Training Networks (ITN) concedido a este grupo de institucións, entre as que tamén se atopa o CSIC, reunirá especialistas en diversos campos: microorganismos, procesos de transporte, degradación e caracterización dos solos. “O importante desta rede é que as e os doutorandos, aínda que teñan un directora dunha institución, vanse ter que mover porque van necesitar ir a unha ou a varias institucións da rede para complementar a súa formación e o seu traballo e o que priman son as sinerxías entre grupos e tamén hai entidades externas (empresas) onde os doutorados tamén teñen que aprender outras habilidades profesionais”, explica Iglesias Briones, que como “experta en fauna do solo”, liderará a parte do proxecto sobre os efectos dos plásticos sobre os organismos edáficos, na que tamén se inclúe os microorganismos e dos que se encarga o equipo do Instituto de Agricultura Sostible do CSIC.

Un grave problema en Europa

Aínda que é nos países nos que a produción agraria é importante onde hai unha maior afectación, a catedrática da UVigo considera a presenza de macro e microplásticos nos solos agrícolas “un problema grave” en toda Europa. “Sabemos que en Holanda está prohibido o uso de lodos como fertilizantes porque son fontes de contaminantes e nós imos estudar a degradación dos plásticos, por exemplo, durante os procesos de compostaxe, porque os composts empréganse moito como fertilizantes en España”, detalla Iglesias Briones, que sinala que a moitos niveis os solos son os grandes esquecidos, ata o punto de que non foi ata o ano 2015 que a FAO recoñeceu a súa importancia creando o ano internacional dos solos e o 5 de decembro o Día Mundial do solo. Precisamente, coincidindo con esta celebración, este venres lánzase o informe The State of knowledge of soil biodiversity, unha iniciativa da FAO e outras entidades europeas na que participan 300 científicos de todo o mundo, entre eles a investigadora da UVigo e no que se destacan as ameazas e solucións que a biodiversidade do solo pode proporcionar aos desafíos globais actuais.

SOPLAS recolle na súa memoria a importancia de analizar e comprender o destino e efectos dos plásticos nos solos agrícolas por tres razóns: a necesidade dunha mellor comprensión das vías de entrada de diferentes materiais plásticos asociados con diferentes sistemas de xestión agrícola e os incentivos económicos que os impulsan en Europa, xunto cos procesos de degradación de plástico baixo diferentes condicións climáticas e de xestión do solo; unha mellor comprensión do impacto potencial de diferentes macro e micropláscticos en organismos do solo para avaliar o seu impacto nas funcións e a saúde do solo e contar cunha base sólida de coñecementos para avaliar o impacto das diferentes prácticas de xestión agrícola de noso medio ambiente.  Cun orzamento total de 3.7 millóns de euros, dos que 251.000 corresponden á UVigo, no proxecto SOPLAS participan institucións de Alemaña, República Checa, Austria, Holanda, Suíza e Reino Unido.