A UVigo, unha aliada estratéxica para fomentar a creatividade e o emprendemento no casco vello vigués

A Universidade súmase ao proxecto Vigo Crea. Barrio Creativo da Xunta
Publicado por o día 18/02/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo,Xunta de Galicia
A UVigo, unha aliada estratéxica para fomentar a creatividade e o emprendemento no casco vello vigués

A Universidade de Vigo poderá poñer a disposición de persoas emprendedoras e creadoras vinculadas a ela espazos localizados no casco vello de Vigo, ao tempo que a súa sede institucional radicada no Berbés poderá albergar proxectos desenvolvidos ao abeiro da sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) que a Xunta habilitará no inmoble anexo á edificio da institución académica viguesa. Estas accións insírense no proxecto Vigo Crea. Barrio Creativo que a Xunta desenvolverá ao deste ano en preto de 20 inmobles do barrio histórico vigués, que se destinarán a usos culturais e turísticos, co obxectivo de fomentar o talento local, así como ás novas e novos creadores, ao tempo que se aposta pola dinamización da zona. O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinaron este mediodía o protocolo que involucra á institución académica no proxecto, “sumando un aliado estratéxico para un proxecto que ten unha carga de innovación, que é pioneiro e que basicamente supón que a Universidade vai achegar todo o seu saber facer para este proxecto, que ten como obxectivo fundamental impulsar a creatividade, o emprendemento cultural e o apoio a novos emprendedores culturais, creadores emerxentes e fomentar a industria cultural e a turística”, explicou o conselleiro.

Pola súa banda, o reitor confirmou o interese da Universidade en favorecer o emprendemento, asegurando que “é unha das liñas de traballo que levamos hai moito tempo e permitir que algúns locais no centro de Vigo se poidan pór a disposición das tarefas de emprendemento, parécenos moi acaído”, sinalou Reigosa.

Dúas partes dun proxecto para facer do casco vello unha incubadora de creatividade

Vigo Crea. Barrio Creativo divídese en dúas partes localizadas, unha, na zona baixa e, outra, na parte alta do barrio histórico vigués. Así, na fachada do Berbés a Xunta impulsará a posta en servizo dunha sede do CGAC, entre o edificio institucional da Universidade e o albergue de peregrinos que se está a construír. “Imos plantear unhas sinerxías que permitirán sacarlle o maior rendemento aos edificios, así hai espazos no edificio da Universidade que van poder utilizarse por parte dos creadores, das exposicións dos proxectos que haxa no CGAC e no CGAC tamén poderá haber espazos a disposición da UVigo, co cal creamos sinerxías e ambos edificios poden funcionar conxuntamente”, explicou Román Rodríguez.

No caso da parte alta do barrio histórico, a Xunta poñerá a disposición de proxectos que xurdan da Universidade unha serie de locais para que emprendedores locais, vencellados coa institución académica, dispoñan de espazos. “Neste intre estamos en trámites para que o Consorcio do Casco Vello faga a cesión dos locais á Xunta e logo a Xunta faga a cesión á Universidade” aclarou o conselleiro, que sinalou que dos 17 locais, dez estarán dedicados a emprendemento cultural, cinco a emprendemento turístico e dous a servizos mixtos de asesoramento e formación.

Román Rodríguez confirmou que ao longo deste ano 2020 o proxecto estará en marcha, posto que os 17 inmobles xa están rehabilitados e só compre poñelos a disposición. “Xunta e Universidade farán unha convocatoria e unha serie de locais serán para a UVigo e outros para emprendedores locais en xeral. No caso do CGAC canto teñamos a cesión do edificio sacaremos a licitación a redacción do proxecto”, detallou o conselleiro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.