A.V. de Teis, esixe o ministerio de fomento a mellora dos pasos elevados sobre a AP9

Publicado por o día 11/03/2019 na sección de A.V. Teis,Galicia,Social,Vigo

A.V. de Teis, esixe o ministerio de fomento a mellora dos pasos elevados sobre a AP9

Desde a Asociación Veciñal de Teis, dirixímonos por escrito hai unhas semanas ao Director Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento, reivindicando a mellora dos pasos elevados sobre a autoestrada AP9 en Teis, en concreto os existentes sobre os camiños da Trapa e da Xorxa.

Nesta carta tamén solicitamos unha xuntanza co Director Xeral de Estradas, diante da falta de solucións a esta reivindicación por parte da Subdelegada do Goberno en Pontevedra e do xefe da Demarcación de Estradas en Galiza.

O pasado mes de xaneiro tivemos coñecemento por parte do Concello de Vigo, que os pasos elevados sobre a autoestrada AP9, no camiño da Trapa e a Xorxa, eran unicamente peatonaissegundo sinalaba por escrito a Demarcación de Estradas do Estado en Galiza.

Estes pasos elevados sobre a autoestrada no camiño da Xorxa e da Trapa, construíronse fai 39 anos para impedir a incomunicación neste lugares de Teis e permitir o paso de peóns e vehículos, así acordouse con “ Autopistas del Atlántico” e co Ministerio no ano 1979. Desde entón usáronse sen ningún problema. Antes da existencia da autoestrada, estas vías xa tiñan os usos actuais.

Prohibir a circulación de vehículos por estes pasos elevados, suporía un gran prexuízo a veciñanza, ao incomunicar e impedir que podan chegar ambulancias ou vehículos de servizo as vivendas.

Nestes 39 anos o que puidemos comprobar é a falta de mantemento destes pasos elevados por parte da concesionaria da autoestrada.

Desde a Asociación Veciñal de Teis, queremos denunciar que o pasado luns, Abel Caballero, Alcalde de Vigo reuniuse en Madrid, co secretario de Estado de Infraestruturas do Ministerio de Fomento. Nesta xuntanza non houbo ningún compromiso concreto sobre autoestrada AP9, nin sobre a mellora destes pasos elevados. O Alcalde, perdeu unha boa ocasión para resolver esta demanda e tamén sinala a falta de interese que ten o goberno municipal sobre esta reivindicación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.