A asemblea veciñal celebrada na tarde de onte, para valorar a decisión do Concello de Vigo, de impedir o paso de tráfico rodado no camiño da Xorxa e da Trapa, polos pasos elevados sobre a autoestrada AP9, a partir do 3 de xaneiro. Acordou convocar unha concentración o mércores 2 de xaneiro ás 17:00 horas no camiño da Xorxa a altura do 12-14.
O Concello de Vigo, toma esta decisión logo de que a demarcación de estradas do Estado en Galiza (Ministerio de Fomento), contestará a un escrito do Concello sobre o mantemento dos pasos elevados sobre a AP9, sinalando a demarcación que estes pasos elevados, son pasarelas peonís.
Estes pasos elevados sobre o camiño da Trapa e da Xorxa, comunican ambos camiños e desde a súa construción son usados pola veciñanza como paso peonil e de turismos.
Esta medida supón un grave prexuízo a veciñanza destes camiños e a que circula polos mesmos desde hai décadas, ademais de impedir o paso de vehículos de emerxencia (ambulancias, bombeiros). De súpeto, unhas pasarelas realizadas pola construción autoestrada e que repoñían os camiños existentes pasan a ser pasarelas peonís.
Si estas infraestruturas presentan algún deterioro polo paso dos anos, a decisión debe ser reformar e mellorar estes pasos elevados, non impedir o paso de vehículos, causando molestias a veciñanza.
A construción da autoestrada AP9, no seu día xa provocou graves danos a veciñanza de Teis, dividindo a parroquia, derrubando casas, eliminando camiños e agora pretendese incomunicar a veciñanza destes camiños.
Desde a Asociación Veciñal de Teis, xa solicitaron por escrito a ambas administracións manter unha xuntanza urxente entre o Concello de Vigo, Demarcación de estradas do Estado e esta Asociación, para tratar a situación dos pasos elevados da AP9 no camiño da Trapa e da Xorxa.
Desde a Asociación Veciñal de Teis, esixen do Concello de Vigo e do Ministerio de Fomento: o mantemento do aceso de vehículos (turismos e de emerxencia) polos pasos elevados do camiño da Xorxa e da Trapa e a mellora dos pasos elevados existentes.