A vendima deste ano destacará pola súa calidade manténdose a cantidade de uva recollida nuns 61 millóns de quilos

Así o salientou hoxe a conselleira do Medio Rural na súa visita á adega As Laxas da DO Rías Baixas, con motivo destes traballos
Por o 21/09/2018 | Sección: Alimentación
A vendima deste ano destacará pola súa calidade manténdose a cantidade de uva recollida nuns 61 millóns de quilos
Compartir en:

A vendima deste ano en Galicia destacará pola súa alta calidade, cunha previsión de recoller aproximadamente 61 millóns de quilos de uva no conxunto das cinco denominacións de orixe (DO) da nosa comunidade. Así o salientou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita á adega As Laxas, situada no concello pontevedrés de Arbo, dentro da DO Rías Baixas e á que se desprazou con motivo destes traballos.

A titular de Medio Rural indicou que o volume de uva que está previsto recoller é case idéntico ao do ano pasado, cando se vendimaron 61,4 millóns de quilos. Como en anteriores colleitas, a maior parte do froito corresponde á denominación de orixe Rías Baixas, con case o 60% do total. Nesta DO a vendima iniciouse o pasado día 8 de setembro e está previsto que remate a mediados de outubro, coa recollida de aproximadamente 36 millóns de quilos. Rías Baixas é a denominación de maior dimensión das galegas, con máis de 5.000 viticultores, unha superficie de cultivo que supera lixeiramente as 4.000 hectáreas e máis de 180 adegas.

As previsións nesta denominación de orixe indican, ademais, que a vendima será das mellores da historia en canto a calidade, malia que pode diminuír en cantidade arredor dun 7% respecto á pasada campaña, segundo os primeiros cálculos estimativos que manexa o seu consello regulador.

Por volume de uva a recoller, a seguinte denominación é a do Ribeiro. Nela está previsto vendimar uns 10 millóns de quilos, fronte os 9,6 millóns da anterior campaña. A continuación estaría a DO Ribeira Sacra, cunha previsión de 6 millóns de quilos (no 2017 recolléronse 5,5 millóns). Logo viría Valdeorras, con 5 millóns de quilos (4,2 o pasado ano) e por último Monterrei, cunha previsión de 4 millóns de quilos, fronte os 2,8 recollidos na vendima anterior.

As Laxas

A adega visitada hoxe pola conselleira, Bodegas As Laxas, foi fundada en 1976. Actualmente produce arredor de 700.000 litros de viño ao ano (preto de 930.000 botellas) e elabora viños brancos albariño monovarietal, Condado de Tea, mestura de variedades admitidas e espumosos a partir de viño base albariño. Recentemente vén de sacar ao mercado unha nova liña de produción baixo o nome de “Viñas singulares”, que incorpora unha selección de uva de tres parcelas singulares con tres vinificacións específicas.

Esta adega vén de recibir unha axuda da Consellería do Medio Rural na liña de apoio a investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, por importe de algo máis de 255.000 euros, destinada a reducir custos, aumentar o valor engadido da súa produción e mellorar a calidade e a competitividade da empresa. Con estes fondos ampliou a adega, mercou terreos e adquiriu maquinaria. A esta achega hai que sumar outras dúas por importe total de case 11.000 euros recibidas nos dous últimos anos dentro do apartado de promoción en mercados de terceiros países.

Comentar noticia

Your email address will not be published.