A vendimia da explotación vitivinícola do castelo de Soutomaior supera todas as expectativas con preto de 18.000 Quilos de uva, 2.000 máis que o pasado ano

A adega Señorío de Rubiós das Neves foi a encargada da recolleita das distintas variedades deste froito: albariña, godello e torrontés
Por o 06/10/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
A vendimia da explotación vitivinícola do castelo de Soutomaior supera todas as expectativas con preto de 18.000 Quilos de uva, 2.000 máis que o pasado ano

A Deputación de Pontevedra vén de entregar preto de 18.000 quilos de uvas froito da vendima nas catro hectáreas de explotación vitivinícola do Castelo de Soutomaior. A diferenza do acontecido nos anos anteriores, desde o inicio da actual lexislatura a recolleita da uva neste espazo público, propiedade da institución provincial desde 1982, lévase producindo a través dunha poxa pública mediante procedemento aberto.

Este ano, a empresa gañadora da poxa foi a adega Señorío de Rubiós das Neves que recolleu un total de 17.754,5 quilos de uvas. Como novidade, nesta vendima as uvas foron separadas por variedades e, así, foron recollidos 15.575 quilos de uva albariña, 1.671,5 quilos de godello e 508 quilos de torrontés. En total, os preto de 18.000 quilos de uva amosan un incremento de case 2.000 quilos con respecto á vendima do ano pasado.

Por cuarto ano consecutivo, as empresas interesadas en vendimar a uva do Castelo de Soutomaior, cuxa explotación vitivinícola data de 1984, puideron presentar as súas propostas e a adega gañadora, Señorío de Rubiós das Neves, neste caso, foi a encargada de levar a cabo a vendima da uva, da recollida da mesma na leira do Castelo e tamén do traslado á súa adega. O único criterio de adxudicación que se tivo en conta dende a institución provincial foi a poxa máis alta, partindo dun prezo mínimo establecido. No caso de ter dúas ou máis propostas idénticas, a uva repartiríase por igual entre as empresas interesadas.

A Deputación de Pontevedra tamén puxo en marcha este ano no Castelo outra iniciativa en relación á viticultura, como foi “Vendima con nós”, a través da cal se promoveu o turismo sustentable, desestacionalizado e de calidade nas Rías Baixas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.