Os faladoiros Bibliolab naceron da man da Unidade de Igualdade da Universidade como un punto de encontro para analizar e dar a coñecer os contidos dalgúns dos libros que abordan a temática da violencia machista. O ciclo arrancou en Vigo e tras pasar por Ourense e Pontevedra regresa agora na recta final a Vigo. Este xoves a partir das 18.00 horas, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais acollerá o penúltimo faladoiro, titulado Cómplices. A violencia machista institucional, no que intervirán a socióloga experta en xénero Iria Villar, a profesora da Universidade de Vigo Carmen Verde e Monse Vilar, representando á Libraría Lila.
O ciclo regresa no mes de decembro coa derradeira sesión no museo Marco o día 10 de decembro, lugar no que botou a andar no mes de setembro. Neste faladoiro analizaranse tres libros da narrativa galega actual que abordan diversas manifestacións da violencia machista. Para iso, o coloquio contará coas súas autores, tres escritoras de recoñecido prestixio e comprometidas coa igualdade, como son Ledicia Costas, con Infamia; María Reimóndez con A dúbida e Eli Ríos con Remexido de patacas. Estes tres títulos son obras moi diferentes entre si que tratan temas como o abuso sexual a menores, a violencia machista no eido da parella ou os secuestros e desaparicións, entre outros aspectos. A mesa redonda estará coordinada pola tamén escritora Andrea Barreira.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.