A voz da Sanidade de Cangas fai a sua valoración respecto a contestación da queixa que presentaron ante a Valedora do Pobo denunciando o déficit na atención pediátrica da poboación infantil de Cangas

Publicado por o día 18/01/2020 na sección de Cangas,Galicia,Sanidad

A voz da Sanidade de Cangas fai a sua valoración respecto a contestación da queixa que presentaron ante a Valedora do Pobo denunciando o déficit na atención pediátrica da poboación infantil de Cangas

Esta semana recibimos a contestación da queixa que presentamos ante a Valedora do Pobo denunciando o déficit na atención pediátrica da poboación infantil de Cangas.

O fundamento da nosa queixa basease na diminución do persoal de Pediatría, que dende o mes de outubro conta con tan só tres pediatras dos catro que ten o Servizo. Esta situación da lugar a que preto de 1000 nenos/as de Cangas non teñan asignado hoxe en día un/ unha pediatra para recibir unha atención integral de continuidade dende o seu nacemento ata a adolescencia. Esta circunstancia orixina desigualdade na calidade recibida pola poboación infantil que vulnera e contradí os dereitos das crianzas recollidos en diferentes Leis (artigo 14 da Lei de Saúde de Galicia, o artigo 24 da Convención sobre os dereitos do Neno en 1989, o artigo 12 da Lei 16/2003, …).

Na contestación, a Consellería de Sanidade manexa datos erróneos da poboación infantil de Cangas, de forma interesada, para rebaixar as ratios de media de consultas por profesional ó utilizar soamente o número de TIS ( tarxetas sanitarias) e non o número real de nenos e nenas que figura no padrón do Concello.

Argumenta, que Cangas conta cunha poboación infantil de 3.432 nenos/as e que a media por cada profesional é de 858 TIS (considerando 4 pediatras) e polo tanto cada profesional ten unha media de consulta de 25 nenos/as día, información que non se corresponde coa realidade.

Dende A Voz da Sanidade de Cangas, cualificamos de lamentables tales afirmacións por non ser reais. En primeiro lugar, a poboación infantil que figura no padrón de Cangas, a xaneiro de 2020, é de 3.712 nenos/as; isto quere dicir que a ratio de crianzas por profesional é de 928, se no servizo estiveran os catro profesionais, pero a día de hoxe, a ratio témola que calcular con tan só tres profesionais, que son cos que conta o servizo dende o mes de outubro e polo tanto a cifra ascende a 1.237 rapaces/as que atende cada pediatra no Centro de Saúde de Cangas .

Existe unha marcada diferenza entre a realidade e as cifras que manexa o Sergas, un total de 280 crianzas que non son consideradas pola Consellería. Esta incoherencia de datos indigna a cidadanía e ofende aos profesionais, ó non ser recoñecidas as condicións nas que están a desenvolver o seu traballo.

Esta situación parece non importarlle á Consellería de Sanidade, que lonxe de recoñecer a situación e utilizar datos incorrectos, non propón unha solución.

Desde a asociación queremos facer público o noso apoio a todos os pais e nais e poñémonos a súa disposición para traballar conxuntamente e reclamar os dereitos dos nenos e nenas. Poden poñerse en contacto con nós no teléfono 621 03 63 55 ou no correo electrónico [email protected]

Comentar noticia

Your email address will not be published.