A World Trails Conference salienta o papel do Camiño de Santiago como referente internacional no seu modelo de xestión

O congreso internacional, que se vén celebrando en Santiago de Compostela desde o mércores co apoio da Xunta de Galicia, pechouse hoxe coa conferencia maxistral do director executivo da Organización Mundial do Turismo (OMT), Manuel Butler
Publicado por o día 29/09/2018 na sección de Turismo

A World Trails Conference salienta o papel do Camiño de Santiago como referente internacional no seu modelo de xestión

O congreso internacional World Trails Conference, que se vén celebrando en Santiago de Compostela desde o mércores coa participación de representantes das mellores rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación de todo o mundo péchase hoxe despois de poñer de manifesto o papel do Camiño de Santiago como referente internacional no seu modelo de xestión.

A ruta xacobea ocupou varios dos relatorios destes días, nos que tamén se puideron coñecer as experiencias de, entre outros, o Camiño Kumano Kodo -Patrimonio Mundial e irmandado co Camiño de Santiago desde hai 20 anos- o Camiño Shikoku Henro, co que tamén Galicia mantén férreas alianzas de colaboración, os Camiños de Jeju Olle, en Corea do Sur, o trazado máis largo e alto do mundo e que está situado no Nepal, así como rutas de Taiwan, Grecia, Irlanda ou Xordania, entre outros.

A xornada de clausura de hoxe sábado contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e cunha conferencia maxistral do director executivo da Organización Mundial do Turismo (OMT), Manuel Butler. Durante o día desenvolveranse presentacións nun formato áxil e dinámico ao redor da xestión realizada en itinerarios como a Ruta dos Fiordos occidentais, en Islandia ou os Sendeiros dos Apalaches, en Estados Unidos, entre outras. Haberá tamén un ciclo de cine dos itinerarios do mundo.

A World Trails Conference é o congreso internacional organizado cada dous anos pola rede mundial de camiños e sendeiros World Trails Network. Este ano, a primeira vez que se celebra en Europa, contou coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo. Permitiu afondar na contribución cultural e económica que os itinerarios conseguen nos distintos destinos turísticos, áreas protexidas e espazos rurais que atravesan.