A xerecia integrada de Ferrol e asociación española contra o cancro asinan un novo convenio de colaboración para o apoio ó paciente oncolóxico

Por o 05/06/2018 | Sección: Ferrol,Galicia,Sanidad
A xerecia integrada de Ferrol e asociación española contra o cancro asinan un novo convenio de colaboración para o apoio ó paciente oncolóxico
Compartir en:

A Xerencia Integrada de Ferrol do Servizo Galego de Saúde e a Asociación Española contra o Cancro (AECC) asinaron esta mañá un convenio a través do que se regula a actuación do voluntariado da Asociación nos hospitais cos pacientes oncolóxicos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. A finalidade é promover unha maior calidade de vida para os enfermos de cancro e as súas familias, co desenvolvemento do programa denominado Primeiro Impacto, e outras actividades de voluntariado.

Así, esta mañá reuníanse a presidenta da Xunta Local de Ferrol da Asociación Española contra o Cancro, Isabel Estevan Serrano; e o responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol, Ángel Facio Villanueva, e materializaban a sinatura deste convenio co propósito de instrumentar unha acción coordinada. É a base para unha serie de accións que se materializarán en próximas datas.

Favorecer información e identificar necesidades

O programa denominado Primeiro Impacto ten por obxecto “facilitar de maneira inmediata a información necesaria dos recursos existentes para a atención ó paciente recentemente diagnosticado de cancro e ós seus familiares e en relación á situación da súa enfermidade”. Identifícanse as necesidades tanto do enfermo como do familiar unha vez diagnosticado; e, xunto con isto, avalíase o grao de malestar que presentan ámbalas dúas partes tras recibir o diagnóstico, favorecendo o acceso ós diversos servizos que sexan máis axeitados, e que se axusten ás súas necesidades.

Este convenio, tal e como se reflicte nel, concrétase no “acompañamento de voluntariado da Asociación ó paciente oncolóxico” da área sanitaria ferrolá; “facilitar apoio ó coidador primario”; e “proporcionar actividades de animación, facilitando a comunicación, e a accesibilidade necesaria”. A Xerencia Integrada de Ferrol “sensible ós fenómenos que poidan redundar nunha maior cohesión social,” e tendo como obxectivo o fomento do voluntariado, recoñecen o importante papel desta asociación, e é consciente da necesidade de promover e coordinar actividades deste tipo coa rede asociativa da comarca. Ademais, o Sergas “incorpora unha liña de actuación estratéxica da promoción do voluntariado a través da implementación do Código Amable”, que é un marco no que se dá prioridade á humanización na relación co paciente.

Obxectivos concretos do convenio

Os e as profesionais do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol xa teñen contacto no seu día a día con esta Asociación, e manterán comunicación con estes voluntarios asignados para este programa para a concreción das accións no marco do mesmo. A Asociación Española contra o Cancro, tal e como se recolle tamén no texto do convenio, ten coma fin “loitar contra o cancro en tódalas posibles modalidades coñecidas, mediante actividades de divulgación, prevención, de información, e de carácter sanitario ou asistencial”.
Así que as actividades a desenvolver polos voluntarios, tal e como se reflicte no convenio, son, entre outras, acompañamento ó paciente oncolóxico e ós seus familiares cando as condicións do paciente o faciliten e non exista impedimento por parte dos afectados; facilitar apoio ó coidador primario no seu descanso físico e emocional; apoio ó paciente e os seus familiares para facilitar a expresión de emocións asociadas co diagnóstico e o proceso de enfermidade; e actividades de animación e entretemento para facilitar a estadía da persoa enferma no hospital e a distracción con actividades de lecer.
A Asociación, pola súa banda, comprométese a achegar un profesional de coordinación do Voluntariado necesario para a correcta atención; ter unha identificación clara e inequívoca de ser persoal voluntario; e realizar as actividades de mañá no horario consensuado cos profesionais que se estime máis oportuno.
Pola súa banda, o centro hospitalario facilitará un espazo físico para emprego destes voluntarios, que se empraza no Hospital de Día Oncolóxico, para realizar esas actividades de animación e entretemento; e facilitar a difusión do programa a través de folletos e carteis, nos lugares visibles para o usuario.