A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago nega rotundamente a morte de dous pacientes nos corredores das urxencias do Hospital Clínico o día 2 de xaneiro

Por o 13/01/2019 | Sección: Sanidad
A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago nega rotundamente a morte de dous pacientes nos corredores das urxencias do Hospital Clínico o día 2 de xaneiro
Compartir en:
A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago nega rotundamente a morte de dous pacientes nos corredores das urxencias do Hospital Clínico o día 2 de xaneiro, información que ven de coñecer a través dos medios de comunicación, e que denunciou Fátima Nercellas esta mañá. Asemade a dirección do centro asegura que non recibiu ningunha comunicación oficial dos supostos feitos denunciados.
A xerencia expresa a súa preocupación pola difusión deste tipo de informacións sen unha fonda investigación previa e fai unha chamada á responsabilidade para non causar unha alarma innecesaria na poboación. Por outra banda, xa se abriu unha investigación interna para poder esclarecer os feitos.
Todos os doentes son triados por profesionais sanitarios ao entrar en urxencias, do que deriva o establecemento da súa prioridade na atención. En ningún caso houbo doentes triados como urxencia vital esperando inadecuadamente a ser atendidos. Os doentes con urxencia vital non esperan e son atendidos na zona de críticos e de monitores, espazos que contaron con camas libres a disposición para ser ocupadas toda a tarde.
En todo momento houbo ocos libres en diferentes espazos do propio servizo de urxencias, como na sala de observación, curas, sillóns… Amais, ese día reforzouse a atención con máis persoal e estaban a disposición todos os espazos. Nas plantas de hospitalización tamén houbo camas dispoñibles en todo momento.
Neste período vacacional de Nadal mesmo houbo unha afluencia de doentes inferior á habitual nestas datas (concretamente 587 doentes menos que no mesmo período do pasado ano) salvo os día 26-27 de decembro e o 2 de xaneiro, principalmente, foi cando máis se superou a media diaria de atencións (325 doentes diarios de media ao longo do ano). O mércores 2 de xaneiro deuse ademais unha circunstancia totalmente inusual xa que nun período de 2 horas, entre as 15 e as 17 horas, coincidindo ademais co cambio de quenda dos profesionais, entraron máis de 80 doentes novos no servizo de urxencias.
A xerencia subliña que o servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago está a ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade e axeitada aos doentes que acoden a diario.

Comentar noticia

Your email address will not be published.