A Xerencia do Sergas en Santiago súmase á campaña da OMS sobre a concienciación da importancia da hixiene de mans na prevención da sepse

O lema deste ano é “está nas túas mans previr a sepse na atención sanitaria”
Por o 04/05/2018 | Sección: Sanidad
A Xerencia do Sergas en Santiago súmase á campaña da OMS sobre a concienciación da importancia da hixiene de mans na prevención da sepse

A Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Santiago celebra hoxe o “Día Mundial da Hixiene de Mans” (que se conmemora cada 5 de maio) e que este ano ten por lema “está nas túas mans previr a sepse na atención sanitaria”. E faino con múltiples actividades nos seus centros. Así, ao longo da mañá, instaláronse mesas informativas sobre o correcto procedemento para a hixiene de mans na entrada principal do Hospital Clínico, do Hospital de Conxo, e do Hospital da Barbanza, dirixidas a informar a toda a poboación que se achegue ata estes centros hospitalarios. Nas unidades de enfermería e salas de espera dos andares de hospitalización tamén leváronse a cabo sesións informativas e de recordatorio dirixidas a pacientes, acompañantes e profesionais.

Asemade, organizáronse actividades para aos máis cativos. Nas escolas Infantís para fillos de profesionais, situadas no Hospital Gil Casares e no Hospital da Barbanza realizáronse traballos manuais e lavados de mans, así como unha representación musical para ensinar aos máis pequenos. Na aula de pediatría para nenos hospitalizados levouse a cabo un concurso de relatos e debuxos así como unha demostración do correcto lavado de mans.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, achegouse até a mesa informativa instalada na entrada principal do Hospital Clínico acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa; pola xerente de Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez; e pola xefa do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Xerencia, Teresa Queiro.

A xerente da xestión integrada de Santiago, Eloína Núñez, recordou que nos centros de saúde da área compostelá realízanse actividades formativas e informativas ao longo do ano, ademais de ter unha dotación do 100% das camas de hospitalización e UCI de preparados de solucións alcohólicas para o correcto lavado de mans”. Tamén afirmou que a xerencia “ten implantados programas nacionais e internacionais de control das bacterias multirresistentes”. Fixo fincapé en que practicar unha correcta hixiene de mans reduce o 50% das infeccións.

Segundo recorda a OMS, as principais medidas para previr a infección na sanidade son, ademais da limpeza correcta de mans, un contorno e uns materiais limpos e funcionais, auga potable e servizos de saneamento e os programas e equipos para a prevención e control das infeccións que as reducen un 30%.