A Xerencia integrada de Ferrol habilita unha mesa informativa no arquitecto Marcide para aconsellar a vacina da gripe

Publicado por o día 12/12/2018 na sección de Sanidad

A Xerencia integrada de Ferrol habilita unha mesa informativa no arquitecto Marcide para aconsellar a vacina da gripe

A Xerencia Integrada de Ferrol habilita unha mesa informativa no Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para aconsellar a vacinación da gripe. Profesionais sanitarias, o luns, mércores e venres desta semana, sitúanse na entrada principal, entre as 10:00 e as 13:00, e ofrecen información sobre a vacina. Ademais, dá a oportunidade, se a persoa poboación diana non o fixo, para acudir no mesmo centro ó Servizo de Medicina Preventiva e protexerse fronte á gripe. Colaboran nesta captación activa dúas alumnas de Técnicas en Coidados Auxiliares de Enfermaría do IES Leixa. Esta é unha medida máis que as e os profesionais veñen desenvolvendo para concienciar sobre a importancia da vacina. Indicar tamén que nestas dúas últimas semanas, reforzouse a busca activa nos andares de hospitalización e as chamadas a persoas susceptibles de recibir a vacina que non a solicitaron no seu centro de saúde.

A vacina para evitar a gripe e as complicacións derivadas da mesma aínda está dispoñible para a poboación xeral na trintena de puntos cos que conta a Xerencia Integrada de Ferrol para se protexer. A campaña deste ano comezou o pasado luns 22, e prolóngase ata o 28 de decembro. Ten como lema Contaxia a túa enerxía e non a gripe. O obxectivo é minimizar o impacto desta enfermidade na saúde, e diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. A vacina da gripe, totalmente inocua, ten un importante beneficio en canto que reduce a incidencia desta enfermidade, pero moi especialmente diminúe a frecuencia de complicacións secundarias e, así mesmo, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe nas persoas maiores, con ou sen condicións médicas de risco, e noutras persoas con patoloxías previas. Producíanse un total de 225 mortes directamente relacionadas coa gripe, o pasado ano en Galicia.

Papel activo dos e das profesionais

Dende a Xerencia Integrada de Ferrol queren agradecer o traballo e implicación que están a ter os e as profesionais no ámbito desta medida preventiva e de saúde pública, tanto nos centros de saúde como no centro hospitalario; e tanto coas medidas de procura activa da poboación susceptible de se vacinar, como pola súa propia vacinación como colectivo clave. Lembrar que nesta área sanitaria ferrolá, a campaña de vacinación da gripe deste ano adiantábase unha semana por primeira vez ó persoal sanitario e non sanitario, antes do comenzo oficial para a poboación. Así, entre os días 15 e 19 de outubro, todo o persoal da Xerencia puido vacinarse para afrontar o inicio da campaña xa protexidos fronte a esta enfermidade. Era unha medida máis para evitar o posible risco de transmisión da gripe ós pacientes. A importancia que nesta campaña ten a vacinación dos sanitarios reflíctese nas numerosas chapas que loce o persoal que xa se vacinou e que se distribuíron no momento de se protexer co lema Eu vacineime. E ti?.

Os traballadores contan normalmente cuns puntos de vacinación específicos pero, a maiores estableceuse nos primeiros días outro punto de vacinación para eles no Hospital Arquitecto Marcide, activo na entrada e saída das distintas quendas, e fíxose unha campaña proactiva de captación dos profesionais polos diversos andares de hospitalización, coa vacinación no mesmo andar, se así o desexaban. Actualmente, xa se vacinaron un total de 1.588 profesionais da área sanitaria ferrolá, 916 de atención primaria e 672 do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. O pasado ano, eran 967 os profesionais vacinados nestas mesmas datas.

Tipos de vacina

En termos xerais, adquiríronse un total de 608.000 doses para toda Galicia, 48.000 máis que a pasada campaña, e destinou un orzamento que ascendeu a 2.183.220 euros. Unha das novidades da campaña deste ano é a utilización da vacina antigripal tetravalente, que se vai empregar en dous grupos de poboación: nas mulleres embarazadas e nos menores de 15 anos que presenten algunha condición de risco. Ademais desta vacina tetravalente, durante a campaña 2018, empréganse outros dous tipos de vacina. Unha delas é a vacina convencional, que é unha antigripal inactivada de antíxenos de superficie e que pode ser utilizada a partir dos 5 anos de idade. A outra das vacinas empregadas é a de antíxenos de superficie inactivados con adxuvante, indicada para as persoas de 75 ou máis anos, e para as ingresadas en residencias de 65 ou máis anos, xa que esta vacina ten unha maior inmunoxenicidade, para os que xera unha resposta inmune máis potente neste grupo de persoas cun maior risco de complicacións.

A vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, especialmente os maiores de 65, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade. No que vai de campaña, do total de 37.270 vacinas administradas na área sanitaria ferrolá, 7.477 foron a menores de 60 anos; 2.732 a persoas entre os 60 e os 64 anos; 4.772, entre 65 e 69 anos; 5.957 entre 70 e 74 anos; e 16.332 a persoas de 75 ou máis anos.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.