A Xerencia Sanitaria de Santiago pon en marcha o Servizo de Hospitalización a Domicilio en Lalín

A xerencia sanitaria de Santiago amplía a súa carteira de servizos coa creación dunha unidade de Hospitalización a Domicilio con base no concello de Lalín. Hoxe mesmo foi presentado o persoal que atenderá este novo servizo, que nunha primeira fase dará cobertura ás preto de 19.000 persoas con Tarxeta sanitaria do Concello de Lalín e posteriormente irase ampliando.
Publicado por o día 11/12/2018 na sección de Sanidad

A Xerencia Sanitaria de Santiago pon en marcha o Servizo de Hospitalización a Domicilio en Lalín

As unidades de hospitalización a domicilio xorden como unha opción asistencial que oferta aos pacientes uns coidados e servizos de calidade técnica semellante aos recibidos no propio hospital pero que teñen un matiz diferente ao prestar a asistencia sanitaria na propia contorna familiar.

A Hospitalización a Domicilio é unha alternativa á hospitalización convencional que asiste no seu domicilio a pacientes con patoloxía aguda estable, pacientes crónicos reagudizados e a pacientes en situación paliativa avanzada e complexa que poden ser asistidos no seu domicilio. Deste xeito, os pacientes reciben os coidados na súa casa pero con supervisión de tipo hospitalario.

A hospitalización a domicilio persegue basicamente dous obxectivos: por unha banda, culminar o proceso de enfermidade do paciente no seu fogar, para o que se adianta a súa saída do hospital cando non se precisan de forma permanente e ineludible todos os medios do hospital e a evolución do enfermo nos días precedentes encamíñase de maneira clara cara á recuperación, e, por outro, evitar estancias hospitalarias innecesarias, incrementando a capacidade de prestación de servizos do hospital.

Proporcionar coidados médicos e de enfermería a domicilio, mediante unha mellor integración entre paciente – familia – persoal sanitario, facilitar a continuidade asistencial entre AP e hospital, mellorar a oferta de servizos e os índices de calidade, aumentar a adhesión e cumprimento dos tratamentos están entre as súas principais vantaxes.

A derivación de pacientes pódese facer desde os diferentes servizos do CHUS ou desde Atención Primaria de Lalín. A valoración de pacientes susceptibles de ingreso en HADO realizarase, a través de interconsulta, desde calquera servizo hospitalario e serán os facultativos de HADO os encargados de valorar o cumprimento dos criterios de ingreso, que ademais do criterio clínico ten que figurar a aceptación do paciente e/ou a súa familia, contar cun informe sociofamiliar positivo e que haxa dispoñibilidade dun coidador para colaborar nos coidados do paciente.

Centro de Saúde de Lalín

Os habitantes do concello de Lalín conta cunha atención primaria na que están incorporadas todas as actividades da carteira de servizos das que dispón este nivel asistencial, tanto en atención ordinaria (medicina de familia, pediatría, enfermería) como en servizos de apoio (fisioterapia, odontoloxía, matrona, farmacia e incluso radioloxía), e que o Sergas prevé continuar desenvolvendo con melloras na súa atención sanitaria.

Polo tanto, o Sergas continúa a traballar en novos modelos cos que garantir a calidade e a eficiencia asistencial para a poboación. Os 13 médicos de familia que desenvolven o seu labor profesional neste concello teñen unha media de 1.300 pacientes, mellor do considerado óptimo polas sociedades científicas. O mesmo ocorre cos pacientes de pediatría (cunha media de 745 pacientes por profesional) e de persoal de enfermería (cunha media de 1.277 pacientes).

A mellora constante dos servizos é un dos principios fundamentais do Servizo Galego de Saúde. Neste sentido, o Sergas está a promover actuacións que facilitan o achegamento dos servizos á poboación, como pode ser a  consulta telefónica e a e-interconsulta, que xa están implantadas no concello con notables melloras para a atención aos pacientes. Con esta última modalidade, os especialistas de familia e pediatría de atención primaria situados nun centro de saúde comunícanse por vía telemática cun especialista do CHUS para consultar as dúbidas ou alternativas asistenciais que xurdan sobre un paciente.

Esta vía de comunicación estase a abrir entre o propio paciente e o seu profesional de atención primaria a través de modalidades que recollen información no propio domicilio do paciente, como o programa TELEA.