A xestión da Saúde Mental da Xunta, “ineficiente en termos económicos e indecente en termos humanos”

Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Política,PSOE

A xestión da Saúde Mental da Xunta, “ineficiente en termos económicos e indecente en termos humanos”

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe a xestión da Saúde Mental por parte do Goberno galego, que cualificou de “ineficiente en termos económicos e indecente en termos humanos”. Así o dixo na rolda de encontros dos grupos da oposición cos profesionais que o PP vetou na Comisión de Investigación da Sanidade, e que hoxe reuniu no Parlamento a un xurista investigador en dereito da saúde e a unha psicóloga clínica do Sergas.

O responsable socialista aludiu ás condicións dos pacientes do Hospital Psiquiátrico de Conxo, nunha situación “dura incluso de expoñer”, como fixeron hoxe os comparecentes, que retrataron as condicións de pacientes con décadas pechados no centro “sen garantir as condicións que merecen”. Sinalou que a situación destes pacientes “vai máis alá dun modelo economicista”, con medidas de contención mecánica ou trato vexatorio que reflicten a falla de humanidade.


Torrado reivindicou o inicio da modificación do decreto 16/2012 de recortes na sanidade pública, que fora implantado polo PP ao chegar ao goberno, demostrando a súa “miseria humana”. Comparou o fortalecemento destas medidas polo goberno de Feijóo en contraste coas medidas adoptadas polo anterior goberno socialista de Andalucía para limitar os efectos do decreto.

Censurou a posición “sangrante dende o punto de vista moral” do PP ao utilizar o suposto “turismo sanitario” como argumento para defender o decreto. O portavoz de Sanidade do Grupo socialista cualificou de “indigno” que os dirixentes daquel partido teñan demostrado “problemas cos migrantes cando son pobres”, atacando “aos que veñen en patera, pero non aos que veñen en avión”.

Julio Torrado apuntou como “non só importante senón imprescindible” a participación nesta rolda de encontros daqueles profesionais vetados polo PP, que impediu a súa participación na Comisión de Investigación que a oposición tivo que abandonar polos vetos impostos por aquel partido.

Comentar noticia

Your email address will not be published.