A XI Limpeza Simultánea de Ríos realizouse con éxito no día de hoxe no Río Lagares

Publicado por o día 30/09/2018 na sección de Galicia,Vigo

A XI Limpeza Simultánea de Ríos realizouse con éxito no día de hoxe no Río Lagares

Os orgañizadores ADEGA e Lagares Vivo desta xornada acompañados por Equo, Greenpeace, Amigos da terra, Asociación Lagares Vivo e colectivos da cidade de Vigo realizaron este domingo unha xornada de limpeza de lixo no Río Lagares, a xornada empezou ás 11:30 da mañá partindo desde a Camiño Carreiros, 23, ao carón de Construcciones Conde onde foi o punto de encontro das organizacións e os colectivos, tamén asistiu o candidato as municipais 2019 polo Bng de Vigo Xabier Igrexas.

Esta xornada realizouse co motivo do XI Limpeza Simultánea de Ríos, na dita xornada tamén participaron persoas da cidade, recolleron ao redor de máis dunhas 40 bolsas de desperdicios que se atopaban nas beiras do Río Lagares.

O Lagares

A paisaxe é un elemento fundamental da calidade de vida das persoas e por iso tamén debe ser o fiel reflexo dun territorio e dun medio ambiente de calidade, dunha sociedade moderna e consciente da importancia do seu patrimonio natural e cultural. A auga e os ríos tiveron sempre un alto valor en Galicia, sendo elementos determinantes das súas paisaxes.

Mais, hoxe, os ríos atópanse en perigo. A alteración física do hábitat é o principal impacto sobre os nosos ríos e ecosistemas de auga doce,  tales como a eliminación de zonas de asolagamento, destrución das brañas e mananciais, dragados, canalizacións, aproveitamentos hidroeléctricos, algúns paseos e praias fluviais, a contaminación e a introdución de especies non nativas. Estes son os factores que máis contribúen á diminución da súa biodiversidade.

O río Lagares é o principal río do Concello, discorrendo por nove parroquias,  dende o nacemento augas arriba da lagoa Mol, no concello de Redondela, ata a súa desembocadura en Samil, tendo como principais tributarios os ríos Barxa e Eifonso. Nos seus 14 quilómetros agocha algunhas das paraxes de máis alto valor ecolóxico do concello vigués:

O nacemento do río, nas brañas situadas arriba de Lagoa Mol, conserva bosques de ribeira autóctonos, dominados por salgueiros, amieiros e bidueiros.

Na parroquia de Cabral, no lugar de Chan das Rás, florece entre febreiro e marzo o raro endemismo luso-galaico Narcissus cyclamineus, coa súa característica flor amarela a xeito de trompeta.

En Lavadores e en Sárdoma, os rápidos de Coutadas e Raposeira, respectivamente, constitúen un marabilloso espectáculo natural nas épocas de maior caudal do río.

No tramo final, a xunqueira do Lagares constitúe un refuxio de numerosas especies de aves acuáticas.

O seu afluente Eifonso atravesa pola parroquia de Bembrive as fragas autóctonas mellor conservadas do municipio, ademais de ofrecernos o espectáculo dunha fervenza de considerable altura.

Tamén o río acubilla importantes elementos vencellados ao patrimonio cultural e etnográfico: os muíños de Cabral, algúns aínda en funcionamento, as pontes medievais de Sárdoma e Balaídos, ou o salgadeiro de bacallau de Lavadores son algúns exemplos.

Por último

O Lagares xerou arredor dos lugares que atravesa unha rica microtoponimia que debera ser obxecto de estudo e posta en valor.

Un cambio súpeto nos usos e costumes das xentes como consecuencia do serodio desenvolvemento socioeconómico no século XX  e, no caso concreto de Vigo, un intenso proceso de industrialización desenvolvista e de planificación territorial tecnócrata nos anos sesenta,  modificaron profundamente a dinámica demográfica e a estrutura urbana da cidade. Isto tivo como consecuencia unha forte degradación da paisaxe  con perda de importantes valores naturais e culturais. Loxicamente, o río Lagares non foi alleo a esta destrución medioambiental.

É, pois, urxente a toma de medidas que reestablezan o equilibrio ecolóxico do río e o protexan de agresións, así como campañas de posta en valor dos seus valores medioambientais, paisaxísticos e culturais. Concretamente, solicitamos:

  • Declaración do curso alto do río como Espazo Natural de Interese Local.
  • Posta en valor da ponte medieval de Balaídos: limpeza de pintadas e colocación de paneis informativos que informen das súas características e historia.
  • Instalación de paneis informativos en Chan das Rás que informen aos visitantes da existencia e das características de Narcissus cyclamineus.
  • O tramo do río que transcorre pola parroquia de Lavadores é o que presenta peor estado, ata o punto de que en boa parte del é imposible o acceso ao río. Debe acometerse un plano de recuperación e rexeneración do río neste treito.

A cantidade e intensidade dos verquidos que sofre o noso río é absolutamente intolerable. É preciso un plano de prevención e vixilancia que inclúa, como mínimo, os seguintes puntos:

  • A conexión das casas á rede de residuais para evitar verquidos fecais e de deterxentes.
  • O selado das tuberías que dan ao río e a eliminación dos focos de polución.
  • Control exhaustivo sobre as industrias para que cumpran coa normativa de tratamentos de residuos.
  • Implementación de tecnoloxías limpas nesas mesmas industrias.
  • Control da calidade das augas e do ecosistema fluvial, mediante análises periódicas, así como a separación das augas fecais e residuais das pluviais.