A xornada central do festival ten un programa intenso de competicións, co debut de disciplinas como o Football Freestyle

As promesas internacionais do deporte urbano copiten en O Marisquiño
Publicado por o día 10/08/2019 na sección de Galicia,Vigo

A xornada central do festival ten un programa intenso de competicións, co debut de disciplinas como o Football Freestyle
O Marisquiño converteuse nun festival onde as novas promesas do deporte urbano mundial mostran as súas calidades que, sen dúbida, van converter nas estrelas do futuro en disciplinas como o skate e o BMX. A novísima holandesa Keet Oldenbeuving, promesa do skate europeo, o rider arxentino Iñaki Mazza e o galego Saúl Vilar (BMX sub-13) son algúns dos deportistas que van dar moito que falar nos próximos anos e aos que xa se pode ver competindo na 19ª edición do festival vigués.
Keet Oldenbeuving conta apenas 14 anos pero xa se converteu nunha habitual de O Marisquiño, onde o ano pasado obtivo o terceiro posto na competición de “Street”, relacionándose con grandes nomes da disciplina como o seu compatriota Candy Jacobs ou a brasileira Leticia Bufoni. Keet comezou a patinar con 7 anos e vive intensamente a súa dedicación ao skate, con total apoio por parte dos seus pais. “Teño que traballar moi duro para poder combinar o skate e a escola”, explica Keet, que adestra unhas cinco horas diarias seis veces por semana. Entre as calidades deste
deporte indica que lle permite dar renda solta á súa creatividade e tamén facer amizades. “O Marisquiño é un das miñas mellores fins de semana do ano. Gústame moito a actitude relaxada da cidade e o campionato é unha festa, cun público entregado”, indica a nova campioa holandesa.
Desde a outra punta do mundo chega Iñaki Mazza, arxentino da provincia de Tierra de Fuego, que chega por primeira vez a O Marisquiño. Con apenas 3 anos Iñaki xa empezaba a imitar as acrobacias do seu irmán “cunha bicicleta sen rueditas de apoio”. Aos oito acudiu á súa primeira competición e o ano pasado proclamouse en Buenos Aires campión de BMX nos Xogos Olímpicos da Mocidade.
Hai poucos meses trasladouse a vivir a Barcelona e a súa intención é quedar en Europa para poder acudir a eventos como O Marisquiño. “É o meu primeiro ano neste festival e a primeira impresión é moi boa, non hai tanta presión como noutras competicións e o ambiente entre os riders é moi bo”, sinala. Cara ao futuro a súa intención é poder competir en BMX nos Xogos Olímpicos de París 2024. Aos seus 18 anos é unha das grandes promesas internacionais desta disciplina.
Keet e Iñaki son dous dos moitos mozos que compiten na xornada central do festival que se celebra hoxe sábado e que conta cunha intensa actividade competitiva en todo o recinto. Ás disciplinas que xa comezaron a actividade competitiva onte, como o skate e o BMX, súmanse o Basket 3×3, o Football Freestyle e do Dirt Jump, que hoxe xa contan coas súas primeiras eliminatorias cara ás grandes finais do domingo.
A xornada do venres supuxo un gran inicio para o festival, cunha importante afluencia de público ao recinto gozando das primeiras probas e actividades de O Marisquiño. Os concertos, con grandes figuras como Eric Bobo e Jota Mayúscula, foron o broche perfecto a unha xornada que apenas sufriu mínimas alteracións polo tempo. Espérase que hoxe suceda o mesmo.