A xornada de limpeza na praia de Alcabre remata coa recollida de 17 kg de lixo mariño

Para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente e o Día Mundial dos Océanos
Publicado por o día 04/06/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

A xornada de limpeza na praia de Alcabre remata coa recollida de 17 kg de lixo mariño

Coincidindo coa celebración esta semana do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) e do Día Mundial dos Océanos (8 de xuño), o Campus do Mar organizou este domingo na praia de Alcabre unha xornada de limpeza de lixo mariño. Esta iniciativa respondeu á petición da ANPA do Colexio Emilia Pardo Bazán de Vigo (O Chouzo) e saldouse coa recollida, en tan só unha hora, de 17 kg de desperdicios de todo tipo no areal.

En total, participaron nesta xornada 50 persoas, entre escolares e familiares, xunto cos voluntarios e persoal do Campus do Mar.

A pesar de que a praia semellaba limpa…

A mañá comezou cunha breve sesión formativa para, posteriormente, dividirse en grupos acompañados por unha persoa voluntaria do Campus do Mar. Aproveitando a marea baixa, cada equipo centrouse nunha zona do areal e, a pesar de que a praia semellaba limpa, nunha hora recolleron 17 kg de refugallos de todo tipo, moitos deles na zona intermareal, como cabichas, anacos de cabos de amarre e redes de pesca, envoltorios de plástico, tampóns, toalliñas, compresas, bastonciños, palillos das cordas das bateas, etiquetas de roupa ou restos de nailon.

Durante a busca, nenos e maiores tamén puideron coñecer os organismos que viven na praia, o proceso das mareas, os tipos de algas ou a orixe do lixo mariño. Con todo o recollido, as persoas participantes dirixíronse á illa de contedores situada diante da AAVV de Alcabre, onde fixeron a pesaxe e separación de residuos segundo a súa tipoloxía, tratando de concienciar aos máis pequenos do problema dos plásticos e microplásticos nos océanos.

Colaboración do Centro de Investigación Mariña

Para poñer en marcha esta actividade contouse coa colaboración do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, xa que foi o seu persoal (Charo De la Huz e Alba Hernández) as encargadas de impartir unha sesión formativa ao voluntarios de Campus do Mar o pasado venres nas instalacións da Ecimat en Toralla. Ademais o Concello de Vigo colaborou coa achega das bolsas que fixeron chegar ao colexio para recoller o lixo da praia.