A xornada festiva do domingo de Entroido sáldase con dous detidos por parte da Policía Local do Concello de Mos

Ambos varóns, de 45 e 52 anos respectivamente, foron detidos o primeiro por ser sorprendido nunha vivenda allea e o segundo por un presunto delito de atentado contra axente de autoridade

A Policía Local de Mos informou de que o pasado domingo, 23 de febreiro, os axentes locais da quenda de mañá detiveron a un varón que se atopaba no interior dunha vivenda en Sanguiñeda.

Os axentes municipais foron alertados polo propio propietario da vivenda que detectou que había alguén descoñecido no interior da mesma e, chegados ao lugar, os axentes comprobaron a veracidade dos feitos e detiveron á persoa indocumentada que se atopaba no interior da vivenda. Tratábase dun varón de 45 anos de idade e natural de Vigo.

Por outra banda e xa no transcurso da tarde, durante a celebración do Desfile de Comparsas de Entroido do Concello de Mos, que tradicionalmente se celebran na Avenida de Sanguiñeda, os axentes son alertados da presenza dun varón en estado de ebriedade que estaba rompendo o cordón de seguridade e alterando o discurso e actuación das comparsas.

Os axentes trataron de identificar ao varón de 52 anos de idade e durante o transcurso de dita identificación, esta persoa agrede a un dos axentes intervintes, procedéndose acto seguido a súa detención por un presunto delito de atentado contra axente de autoridade.

En ámbalas dúas intervencións os axentes da Policía Local, contaron co apoio e estreita colaboración da Garda Civil do posto de Mos.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario