A xornada parlamentaria sobre o territorio organiza por En Marea conclúe coa idea da necesidade dunha solución territorial e non forestal para os lumes en Galicia

A ordenación territorial, o abandono da actividade agrogandeira, o despoboamento do rural, a eucaliptización, ou a visión do monte galego coma negocio foron algunha das causas salientadas polos comparecentes nesta xornada que tiña por obxectivo dar voz aos silenciados polo PP na comisión oficial de estudo dos lumes do Parlamento
Publicado por o día 26/05/2018 na sección de En Marea,Política

A xornada parlamentaria sobre o territorio organiza por En Marea conclúe coa idea da necesidade dunha solución territorial e non forestal para os lumes en Galicia

O Parlamento de Galicia acolleu no día de hoxe a xornada ´Territorio queimado. Territorio silenciado` organizado polo grupo de En Marea para analizar e dar voz a todos aqueles sectores que o PP non quixo escoitar na comisión oficial de estudo dos lumes. “Unha xornada de traballo para levantar a censura, levantar a mordaza do PP” como afirmou o voceiro de En Marea, Luís Villares. “Nós dixemos que este non era un problema forestal, que era un problema territorial, e censuráronnos a palabra territorial. Quixemos intervir no regulamento para poder falar deste tema e tamén nos vetaron. Fixemos unha proposta de ata setenta comparecencias e vetaron sesenta. E dixemos que xa abonda de mordaza” explicou Villares.

O que non querían era escoitar no Parlamento non era outra cousa que a verdade incómoda de que os lumes se produciron en primeiro lugar pola incompetencia da administración, pola súa incapacidade de regular os servizos de emerxencias cando se produciron os lumes, de coordinar os medios dispoñibles; pero ademais a incapacidade de planificar o territorio para evitar que o monocultivo forestal, o abandono do rural, a incapacidade de ordenar o territorio e a planificación urbanística e de asumir o cambio climático desen lugar a unhas condicións diferentes de vida capaces de evitar eses incendios. “Non querían escoitar iso, é unha verdade incómoda, e o que estamos facendo hoxe é dar voz a esas voces silenciadas, ás voces amordazadas, vetadas, que non querían na comisión oficial” manifestou.

Dos resultados das xornadas de hoxe o grupo de En Marea recollerá as conclusións das mesmas e se incorporarán á comisión oficial, “esa que están redactando dous membros do Partido Popular e da que non imos poder retocar nada; polo que En Marea presentará un voto particular con todas as voces vetadas”. “Eles non quixeron escoitar, pero van ter que escoitar. Porque non hai forma, por moi grosos que sexan estes muros, de evitar que entre o ruído da rúa e as voces da cidadanía. Iso é o máis importante para decidir o futuro do noso país” concluíu o voceiro de En Marea.

O deputado de En Marea, Davide Rodríguez, pola súa banda insistiu que o obxectivo de En Marea con esta xornada céntrase en que todas e todos podan aportar e ser escoitadas na comisión oficial no Parlamento.

Nas distintas comparecencias que se sucederon ao longo do día, destaca a unanimidade á hora de denunciar a falla dunha ordenación real e adecuada no noso territorio, así como o problema do abandono do rural e da perda de actividade agrogandeira que está a ser unha causa fundamental no problema dos lumes.

Outra das denuncias repetidas por todos os comparecentes centrase na necesidade de elaborar un plan do rural, non tanto un plan forestal senón para todo o rural cunha visión integral e na que se abandone a idea do rural como negocio para uns poucos.

REME LISTE, XEFA DE BRIGADA 

Na súa intervención denunciou o feito de que non se nos educou nunha sensibilidade cara ao medio asegurando que “o futuro que deixamos ás xeracións que veñen é patética”.

“Extinguir si extinguimos, pero de prevención non facemos practicamente nada. Reparamos cunetas, facemos podas… Con todo o que iso supón. Unha máquina faino en nada con menos diñeiro e tempo do que nós supoñemos. Estamos nun problema de mala xestión” asegurou.

Denunciou ademais temas graves como o emprego das persoas que os Concellos contrata para prevención estase a usar para extinción e o feito de que “se está a xogar moito co interese electoral e cos votos”. “Tense contratado xente sen experiencia. Deberamos ser todos contratados por unha única vía. Tamén vemos ás veces abuso de medios aéreos e  falta coordinación” afirmou Reme Liste.

XOSÉ CONSTENLA, XEÓGRAFO E PROFESOR NA UNIVERSIDADE DE VIGO

O xeógrafo e profesor da Universidade de Vigo, Xosé Constenla, lembrou que “o territorio somos as persoas xa que dámoslle contido e significado pero tamén ao revés”. “Desposuíronnos desas relacións humanas que viñamos tendo como comunidade co territorio” lamentou.

Denunciou na súa intervención a dependencia extrema a nivel estatal dun centro que exerce unha dependencia extrema a nivel estatal dun centro que exerce unha función de depredación contra a periferia. “E unha instrumentalización das políticas públicas. A produtividade agrícola desaparece e proliferan as infraestruturas e as vivendas por todas partes. Houbo un cambio de paradigma. Existe un colapso territorial” afirmou.

As cifras demográficas son un síntoma claro do colapso territorial galego. Estamos ante a mercantilización do territorio. Non todo ten que ser construído. Temos que facer caso ás novas soberanías: feminista, dos nenos, dos maiores. Temos que recuperar unha nova espacialidade, unha volta á dimensión do lugar e xerar uns principios para un novo ciclo que non entenda a natureza como algo a depredar senón como o noso sustento” concluíu Xosé Constenla.

ISABEL VILALBA, SECRETARIA XERAL DO SINDICATO LABREGO GALEGO

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, remarcou que o territorio ten moitas outras dimensións e non so a madeirable como se está a centrar na actualidade. Esta visión asegurou é froito dunhas políticas neoliberais. “Non é que non haxa proxecto, si o hai pero é un proxecto neoliberal” afirmou. Na súa intervención asegurou que “estamos normalizando a anormalidade no tema dos lumes” e como exemplo referiuse a presentación anual do Pladiga que ano tras ano da por feito que van arder milleiros de hectáreas no noso país.

“Se pensamos que a única arma contra os incendios é o Pladiga, un corta e pega dos anos anteriores, non lograremos acabar co problema dos lumes” asegurou.

A perda de superficie agraria útil lembrou que Galicia ten das peores cifras de Europa polo que asegurou “non nós podemos permitir seguir a perder superficie agraria útil”. Nesta liña remarcou que sería preciso que polo menos un terzo do territorio tería que ser dedicado a superficie agraria e gandeira. Outra das cuestións que remarcou sería a necesidade de eliminar os intereses privados na extinción e na prevención. “Ten que ser un servizo profesionalizado, non precarizado ten que ser profesional e estable. A gandeiría en extensivo pode ser unha boa alternativa na cuestión da prevención” concluíu.

XABIER VÁZQUEZ PUMARIÑO, BIÓLOGO, ECOLOXISTA E CONSULTOR AMBIENTAL

“Non podemos acabar cun problema se seguimos a pensar dentro dos marcos que provocan este problema” así arrancou a súa comparecencia o biólogo, ecoloxísta e consultor ambiental, Xabier Vázquez Pumariño quen fixo un exercicio de lembranza histórica para entender a situación actual. “Franco foi continuador de determinada mentalidade respecto á reforestación a través de eucaliptos, pinos… conseguindo que un monte improdutivo fose produtivo pero si o era, so que non para unha grande empresa. Prodúcese nun momento concreto que é cando se emigraba e comezase a facer en montes en man común e polo tanto vense obrigadas a emigrar” explicou.

Así asegurou que os lumes son unha pequenísima consecuencia do marco forestal no que estamos actualmente. Se nos dedicamos a encher a España de especies invasoras que serven para combustible para o lume, despois non podemos queixarnos de que todo arde.

Referiuse tamén na súa comparecencia ao cambio climático que asegurou estamos “ante un caos climático no que sabemos que é o que vai pasar pero o lóxico é esperar que o clima sexa cada vez máis extremo”.

“Porque temos que facer un plan forestal cargado de cartos. Non precisamos plan forestal senón un plan para o rural cunha visión integral, ordenación do territorio e falando con todos os sectores implicados. O plan do rural é que é un negocio para uns cantos. Un Pladiga non deixa de ser unha subvención aos incendios” concluíu Pumariño.

A xornada rematou coa comparecencia de Francisco Ónega, investigador do laboratorio do Territorio, e Carla Pérez, edil do Concello de Salceda e representante dos gobernos muncipais.

CARTA AO PRESIDENTE DA XUNTA

Na sesión da tarde o voceiro Luís Villares leu unha carta enviada a todos os grupos parlamentares por María Costas Otero, a filla maior dunha das dúas vítimas dos incendios do 15 de outubro en Chandebrito na que lamentaba o absoluto abandono por parte do Goberno galego e cuestionou os motivos da diferente actuación entre o sucedido na xornada negra de outubro coa vaga de lumes e o tráxico accidente en Tui.

Texto íntegro da carta enviada:

POR QUÉ DIFERENZAS?

Estes días, a raíz da desgracia ocorrida en Tui, estou revivindo con maior intensidade o que sufrimos dende o pasado 15 de outubro.

A Tui acode o Vicepresidente da Xunta, o mesmo día dos feitos, e ó día seguinte ó parecer, o Presidente, penso que cumpriron coa súa obriga. 
Tamén case dende o primeiro momento se envían equipos de axuda psicolóxica, considero tamén que isto é o correcto.

Pregúntome a qué se deben tan sustanciais diferenzas respecto das actuacións e comportamento das autoridades respecto das que tiveron co pobo de Chandebrito e cos familiares das dúas vítimas mortais. 

O incendio foi na tarde do domingo 15 de outubro. 

A Chandebrito non acudiu ningunha autoridade o día 16 de outubro, tampouco se enviaron equipos de axuda psicolóxica, e o mesmo ocorreu o día 17. As únicas autoridades que se puxeron en contacto cos familiares das dúas vítimas o día 16 a primeira hora da mañán, foron axentes da policía xudicial para que lles facilitaramos fotografías e acudiramos a prestrar declaración e recoñecer dous obxectos persoais e outras dilixencias.

O martes 17 pola mañán acudimos ó centro de saúde a pedir axuda psicolóxica, que foi concertada cos medios do propio centro, para o día seguinte (mércores 18).
O martes 17, a media tarde, recibimos a primeira chamada dun Conselleiro da Xunta, ó que lle trasladamos o noso enfado.

Finalmente enviaron o equipo psicolóxico o mércores 18 a media tarde, cando estabamos totalmente acompañados polos nosos familiares, amigos e veciños no tanatorio. Alí acudiron  tamén, entre outras autoridades, o Presidente e o Alcalde. Antes non existiamos, nin tiñamos necesidades.

Por certo, algúns políticos de ámbito estatal estiveron no pobo, ou preto, pero so viñeron facerse a foto, para eles nós non tiñamos importancia ningunha. O Presidente Rajoy nin siquera apareceu no Concello, sendo incapaces de diferenciar entre de qué partido político é o alcalde, e o desastre ocorrido.

Por iso, por como vivimos nós a nosa traxedia, é polo que comparo como están facendo con esta de Tui, e pregúntome a qué se debe a diferenza. E a resposta non pode ser outra ca de que no caso de Tui as autoridades consideran que non teñen ningunha responsabilidade no ocorrido, e por iso se presentan no lugar sen problema. 

Asdo. María Costas Otero (filla de Ángela Otero, falecida no incendio do 15 de outubro en Chandebrito).