A Xunta aborda coa asociación eólica de Galicia e o clúster da madeira as oportunidades que achega a Lei de reactivación para estes sectores estratéxicos

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destaca que a futura normativa contribúe a un cambio da cultura administrativa, favorecendo a tramitación de proxectos e achegando ao mesmo tempo as máximas garantías técnicas e ambientais
Publicado por o día 23/01/2021 na sección de Economía,Xunta de Galicia

A Xunta aborda coa asociación eólica de Galicia e o clúster da madeira as oportunidades que achega a Lei de reactivación para estes sectores estratéxicos

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana reunións con representantes da Asociación Eólica de Galicia (EGA) e co Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia nas que lles trasladou as oportunidades que achega a futura Lei de reactivación para estes sectores estratéxicos, ao tempo que escoitou as achegas destas dúas entidades para enriquecer a normativa, que se encontra en fase de tramitación no Parlamento galego.

Tal e como lembrou Conde, a futura lei contribuirá a un cambio de cultura administrativa, actuando sobre dous obxectivos fundamentais: a simplificación administrativa e o apoio ao investimento. Ao mesmo tempo, busca achegar as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e medioambientais. Ademais, a proposta normativa inclúe medidas específicas que axudarán a impulsar a economía e a xerar emprego no rural, onde as enerxías renovables e a industria forestal teñen un importante peso.

Así, a futura Lei recolle o proceso simplificado para as autorizacións administrativas das instalacións eléctricas, como por exemplo os parques eólicos; achega beneficios fiscais para as iniciativas empresariais que se implanten en zonas rurais; e promove a simplificación da tramitación para a constitución e funcionamento das entidades de economía social.

Xa con carácter xeral, o vicepresidente económico explicou as diferentes medidas que afondan na simplificación administrativa. Así, establécese un prazo xeral de tres meses para emitir informes vinculados á Administración autonómica, e aplicarase o silencio administrativo positivo. Ademais, amplíanse os supostos de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos industriais estratéxicos. De feito, recibirán esta categoría as propostas de Galicia que sexan seleccionadas polo Goberno para optar aos fondos europeos de recuperación Next Generation.

Tamén se establecerá un réxime de licenzas exprés e haberá unha emisión simultánea de todos os informes sectoriais competencia da Xunta, entre outros aspectos. Recóllese tamén a posibilidade de tramitación conxunta de todos os procedementos administrativos autonómicos que poidan ser necesarios para implantar unha empresa, evitando duplicidades.

Para apoiar o investimento, ábrese unha xanela única de atención ao investidor a través da Oficina Reactiva Galicia. En paralelo, seguirase impulsando a figura dos Concellos Emprendedores para favorecer a captación de investimentos.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.