A Xunta abre mañá o prazo de solicitude do bono turístico

Máis de 250 establecementos de aloxamento e axencias de viaxe da Comunidade participan neste programa que pretende fomentar o turismo interno
Publicado por o día 27/07/2020 na sección de Turismo,Xunta de Galicia

A Xunta abre mañá o prazo de solicitude do bono turístico

A Xunta abre o prazo de solicitude do Bono Turístico, unha acción impulsada a iniciativa do Clúster Turismo de Galicia, dotada con 5M€ que busca inxectar liquidez nas empresas desta industria, fomentar o turismo interno, incentivar o consumo e impulsar a recuperación da economía e do tecido empresarial da Comunidade ante a crise da covid-19. Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia (DOG), os interesados poderán presentar a súa solicitude de xeito voluntario na sede electrónica a partir de mañá e ata o 30 de novembro e a súa concesión realizarase por orde de inscrición ata esgotar o crédito correspondente.

Así pois, a iniciativa chegará a preto de 20.000 empregados dos sectores sanitario e sociosanitario que traballaron en primeira liña na loita contra a covid-19. Todos aqueles que resulten beneficiarios recibirán unha tarxeta prepago de Abanca con 250€, de carácter nominativo, que poderá ser utilizada nos establecementos ou produtos turísticos adheridos a este programa ata o 13 de decembro, co obxectivo de favorecer a recuperación e reactivación do sector turístico de xeito inmediato e ata finais de 2020.

Cando a persoa solicitante resulte beneficiaria do Bono Turístico e unha vez que Abanca reciba a confirmación dos adxudicatarios, procederá á estampación da tarxeta e xestión do seu envío nun prazo máximo de sete días hábiles. Con todo, a entidade bancaria habilitará un teléfono de soporte operativo no que proporcionarán información adicional sobre condicións operativas da tarxeta e axuda en caso de perda ou roubo.

Ampla oferta de servizos

Os beneficiarios poderán consultar a oferta de produtos e servizos incluídos no Bono Turístico a través da web de Turismo de Galicia. En concreto, solicitaron a súa adhesión a este programa máis de 250 establecementos de aloxamento e axencias de viaxe entre os que se atopa a práctica totalidade dos Paradores da nosa Comunidade, hoteis de cinco e catro estrelas e máis de medio cento de axencias de viaxe.

Tamén figuran máis dunha vintena de establecementos de turismo rural, balnearios e outros emprazamentos singulares como faros, pazos ou semáforos marítimos, conformando unha oferta de calidade e sustentable baseada nalgúns dos principais valores do modelo turístico galego, como son a enogastronomía, a paisaxe ou o termalismo.

Entre as opcións que ofertarán aos beneficiarios destacan produtos turísticos ou experiencias que ofrecen un desconto mínimo do 15% sobre o prezo ordinario do servizo, sumando así unha bonificación por parte do propio sector, e compren coas medidas hixiénico-sanitarias adecuadas para garantir a seguridade de traballadores e usuarios.

Medida do Plan de Reactivación

O Bono Turístico é unha medida recollida no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico, aprobado no Consello da Xunta o pasado 30 de abril. Dito plan conta cunha dotación de 58M€ para, entre outras medidas, apoiar a viabilidade do tecido empresarial potenciando a competitividade e favorecendo a súa adaptación aos novos requirimentos de seguridade sanitaria, a posta en marcha de novos produtos e solucións enfocadas ao escenario covid-19. Búscase así apoiar un sector que supón máis do 10% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e que da emprego a preto de 125.000 persoas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.