A Xunta achegou preto de 17,9 millóns de euros a 13.300 perceptores dos pagos compensatorios por áreas de montaña ou con limitacións naturais relativos á convocatoria de 2019

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) sobre as axudas da campaña 2019/2020 relativas ao segundo piar do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Agricultura e Gandería

A Xunta achegou preto de 17,9 millóns de euros a 13.300 perceptores dos pagos compensatorios por áreas de montaña ou con limitacións naturais relativos á convocatoria de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) sobre as resolucións das solicitudes de axudas de pagamento a zonas con limitacións naturais en áreas de montaña e en áreas con limitacións naturais, tramitadas a través da solicitude unificada da PAC do ano 2019. Así, un total de 13.336 agricultores e gandeiros galegos beneficiáronse destas axudas por un valor total de case 17,9 millóns de euros.

Deste xeito, compénsaselles tanto aos gandeiros como agricultores de áreas xeográficas con dificultades polo esforzo extra que deben acometer dende todos os puntos de vista (económico, laboral, etc.) para ter unha produción agrícola en áreas como a alta montaña ou outro tipo de limitacións naturais.

En concreto, dos preto de 17,9 millóns totais, 9,5 millóns van destinadas precisamente ás zonas con limitacións naturais de montaña e os outros 8,3 euros a zonas con outro tipo de limitacións. Estas axudas, que están cofinanciadas ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), forman parte do segundo piar do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

PAC totalmente aboada

Estas cantidades súmanse aos pagos da PAC xa aboados relativos a esa campaña. En concreto, falamos de 170 millóns de euros das axudas directas da PAC que beneficiaron a máis de 26.000 gandeiros e agricultores galegos.

Cómpre sinalar que estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), son de gran interese para o sector primario, xa que contribúen a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana. Deste xeito, perseguen compensar aos agricultores e gandeiros pola súa prestación de servizos esenciais, co obxectivo de que poidan competir con outros países ao tempo que atenden ás esixencias específicas dos consumidores e consumidoras europeos.